Novas mobilizacións do persoal das contratas de R contra a deslocalización do emprego fóra de Galiza

Están en risco máis de 1.200 postos de traballo na provincia da Coruña
A Coruña - 11 Set 2019

Os traballadores e as traballadoras das contratas de R Cable continúan adiante co calendario de mobilizacións para evitar que se consume o traslado de servizos e de emprego fóra de Galiza que pretende executar Euskaltel (propietaria de operadora galega). Na tarde do martes concentráronse diante da sede de R na rúa Real (ás 19:30 horas) e este mércores 11, as protestas trasladáronse ao edificio da empresa no Polígono da Agrela. Ademais, as accións reivindicativas continuarán os días 23 e 24 de setembro.

As mobilizacións véñense repetindo dende que Euskaltel anunciou que entregaba á súa subcontrata ZTE os servizos de mantemento e operacións da rede que até agora realizaban compañías como Comfica, Colabora, Plexus ou Indra e que estes pasarían a prestarse dende Asturias e Euskadi no vindeiros meses. Pero este traslado de servizos non é illado, senón que forma parte do plan de reestruturación e centralización iniciado por Euskaltel dende que adquiriu R no ano 2015 e que afecta a todos os servizos: mantemento, enxeñaría e desenvolvemento de rede, call center, back office, etc. En total, só na provincia da Coruña calcúlase que hai uns 1.200 postos de traballo en risco.

Sen noticias da Xunta de Galiza

Diante desta ameza laboral, a CIG reclama unha vez máis da Xunta de Galiza unha implicación activa, que tome a iniciativa e que presione como Administración e como cliente estratéxico da empresa, para frear o traslado de servizos e emprego, especialmente tendo en conta que R naceu como empresa galega, recibe millonarias subvencións públicas e factura millóns de euros ao ano polo negocio coas institucións públicas.

Nesta liña, os traballadores e as traballadoras reclaman que as administracións galegas fagan un control, seguimento e avaliación das subvencións que se están destinando a R para a implantación da rede "e así poderase ver a certo canta desta inversión reverte no emprego e na economía do país".

A central nacionalista insta a Consellaría de Industria a convocar de inmediato unha xuntanza con todas as partes implicadas (Goberno, R Cable, auxiliares e sindicatos), pois a secretaria xeral de Emprego comprometeuse a principios de agosto coas organizacións sindicais a facer esta xestión, mais a día de hoxe segue sen haber avances.