Novas accións os días 16 e 18 polo cumprimento do convenio do metal nas auxiliares de Navantia

Ferrol - 11 Out 2023

Esta mañá tivo lugar unha reunión das federacións dos sindicatos con representación dentro de Navantia e a comisión de auxiliares para valorar o grao de cumprimento dos pluses recollidos no convenio colectivo de siderometal por parte das empresas. Nese encontro acordouse continuar coas mobilizacións e convocar novas accións de protesta o luns 16 de outubro en Ferrol e o mércores 18 de outubro en Fene.

Estas accións consistirán no bloqueo da entrada aos estaleiros, durante todo o día, do persoal daquelas empresas xa denunciadas e que aínda non asinaron o documento de compromiso para encadrar os seus traballadores e traballadoras na actividade correspondente para percibir o plus por traballar nas instalacións de Navantia.

Así mesmo está previsto manter reunións coas direccións doutras auxiliares para verificar se cumpren o estabelecido no convenio do metal e no caso de detectar que non se respectan as condicións salariais do persoal "tamén as pararemos", explica Vicente Vidal, secretario da CIG-Industria de Ferrol.

As organizacións sindicais tamén solicitaron unha reunión coa asociación de empresas do naval público da ría de Ferrol (que aínda non trasladaron resposta) e mais con Windar, que respondeu positivamente.

En canto a Gabadi (unha das primeiras auxiliares que se parou),  segundo se puido saber, trasladoulle esta semana á mencionada asociación empresarial do naval que sempre pagou polos acordos de servizos, pero no caso de asociación determinar por escrito que a actividade que realiza está encadrada en aceiros procederá a pagar polos pluses recollidos no convenio do metal da Coruña. "De aí, avanza Vidal, a transcendencia da reunión que os sindicatos temos solicitada con esa asociación patronal".

Sobre Kaefer, o secretario comarcal da CIG-Industria aclarou que xa hai acordo con esta empresa que foi aprobado pola asemblea de traballadores/as "e só falta poñelo en papel e que se traslade aos sindicatos e á comisión de auxiliares". Se o acordo chega antes do luns, esta compañía non se verá afectada pola acción reivindicativa, pero do contrario "o persoal non entrará".