Nueva Pescanova pretende impoñer uns convenios que rebaixan os salarios e aumentan a xornada

As centrais decidirán en asemblea as medidas a adoptar ante o bloqueo das negociacións

Vigo -

Representantes da CIG, CUT, UGT e USO denunciaron hoxe en rolda de prensa que o grupo de empresas Nueva Pescanova pretende impoñer uns convenios colectivos que supoñen unha “precarización brutal” das condicións laborais ao contemplar reducións de salario, incremento de xornada e aumento da flexibilidade. As centrais celebrarán unha asemblea de traballadores/as este sábado en Redondela para decidir as medidas a adoptar ante o bloqueo das negociacións pola intransixencia da compañía de alimentación.

Segundo explicaron os responsábeis sindicais, que compareceron diante dos medios xunto a delegados/as dos comités dos distintos centros de traballo, as conversas para pactar os convenios están rotas xa que a dirección de Nueva Pescanova pretende “partir de cero” e negociar novos acordos laborais baixo o argumento de que se trata dunha empresa distinta. Deste xeito, a compañía de alimentación rexeitou as distintas plataformas achegadas pola representación do persoal e unicamente se amosa disposta a negociar en base a unhas propostas que contemplan unha rebaixa salarial, un aumento da xornada e un incremento da flexibilidade.

En concreto, Nueva Pescanova pretende que os convenios que se asinen teñan unha duración de cinco anos (2016-2020) e establezan novas categorías laborais que os sindicatos cualifican de “terceiromundistas”. Así, os traballadores/as que se incorporen á empresa tras a entrada en vigor dos convenios terían un salario bruto anual de 12.260 euros (arredor de 875 euros brutos ao mes), que se incrementaría1500 euros aos tres anos e outros 1500 aos cinco. “Isto suporía unha perda de poder adquisitivo de entre 3000 e 3500 euros anuais”, sinalan dende as centrais.

Asemblea en Redondela o sábado

A empresa quere aumentar a xornada laboral, que pasaría a ser de luns a domingo (na actualidade é de luns a venres). O incremento proposto suporía 16 horas anuais máis no centro de traballo de Porriño e 12 horas máis ao ano do de Chapela. En canto á proposta salarial, os sindicatos consideran insuficiente a intención da compañía de fixar unha suba dun 2,46% en total nos cinco anos que duraría o convenio (un 0,48% cada un dos dus primeiros anos e un 0,5% os tres restantes, pero sempre ligado ao incremento dun 50% da xornada laboral), cando a proposta dos sindicatos é dun 1,5% cada un dos dous primeiros anos.

Diante disto, as centrais adiantan a imposibilidade de chegar a un acordo nestas condicións e anuncian a celebración dunha asemblea este sábado no Multiusos da Xunqueira, en Redondela, ás 10.00 horas para abordar o bloqueo nas negociacións e a adopción de medidas de presión ante a “actitude intransixente” da empresa, que ameaza con aplicar o convenio estatal de Elaborados no caso de que non se asinen os que propón. “Facemos un chamamento a todos/as os traballadores/as a participar e invitamos ao resto de sindicatos a sumarse”, indican.

Neste encontro participará persoal de Nueva Pescanova nos distintos centros de traballo do país (Chapela, Porriño, Redondela e Arteixo), así como de Insuíña, empresa que non está a negociar un novo convenio pero si a posibilidade de introducir melloras no estatal de Acuicultura. Os traballadores/as presentes na rolda de prensa xa adiantaron que non aceptarán nunca un convenio que rebaixe unhas condicións laborais “logradas en base a moito esforzo polas persoas que nos precederon”.

Volver