Nunha nova mostra de ruindade, Extel despide a catro persoas "por enfermar"

O luns 9 está convocada folga de 24 horas e concentración na empresa
A Coruña - 05 Dec 2019

O próximo luns 9 de decembro, os traballadores e as traballadoras de Extel (do grupo Adecco) están chamadas a secundar unha xornada de folga de 24 horas na plataforma da Coruña en rexeitamento á modificación unilateral imposta pola empresa sobre os repousos médicos e o uso das horas médicas. A sección sindical da CIG denuncia que a empresa non admite agora os xustificantes médicos por repouso, tal e como era costume dende hai anos, obrigando así ao persoal a coller baixas de un día, "co único fin de executar despedimentos por absentismo".

De feito, nos últimos días fixéronse efectivos catro despedimentos por este motivo, en base ao artigo 52d do Estatuto dos Traballadores e das Traballadoras. "Unha nova agresión desta empresa ruín e explotadora, denuncia a sección sindical da CIG, que require dunha resposta contundente por parte de todas e todos nós".

Por iso, chaman a todo o persoal da plataforma da Coruña a secundar a xornada de folga e a concentrarse ás 12 horas do luns 9, diante das oficinas de Extel no Edificio Proa (Matogrande) en rexeitamento aos recortes de dereitos, "a que se nos criminalice e penalice por estar enfermos/as e a que empresa recorra a artimañas legais para executar despedimentos inxustos".