O 100% do persoal, agás os servizos mínimos, secunda a folga de Tecnocom

A primeira hora da mañá xa había acumulación de chamadas, que non se puideron atender, ao coincidir o paro coa reincorporación do persoal do SERGAS tras das vacacións

Compostela -

A primeira xornada de folga en Tecnocom saldouse cun seguimento das traballadoras e traballadores convocados -agás os que estaban de servizos mínimos- do 100%. Coincidindo coa mesma, e desde as 8:00h, o persoal concentrábase ás portas do centro de traballo formando un piquete que estaba vixiado, de lonxe, por efectivos policiais. A folga tivo ademais repercusión nos servizos do Sergas xa que a falta de persoal provocou que non se deran atendido todas as chamadas.

Rubén Noya, traballador de Tecnocom, explica que a acumulación de chamadas foi maior da habitual ao coincidir esta `primeira xornada de folga coa reincorporación aos seus postos de traballo dos traballadores/as do Sergas. “Chegan das vacacións e moitos chaman, ben sexa porque non lembran o contrasinal do Sergas ou as súas credenciais, ou porque teñen que actualizar o usuario ao estar noutro centro. Ao faltar persoal que atende esas chamadas non se están collendo”.

Segundo Noya como os profesionais ou administrativos non están actualizados isto provoca que non se reflicta que están no centro, aínda que estean, e que, en consecuencia, “non poidan dar citas aos doentes. Pode haber atraso nese sentido”.

Con esta folga o persoal de Tecnocom reclama compensacións por traballar en festivos, incluídos os chamados festivos especiais (Nadal, Ano Novo, Reis…), xornadas de verán e demais e recuperar as quendas que foron modificadas unilateralmente pola empresa.

As traballadoras e traballadores desta empresa desenvolven o seu traballo en quendas de 24 horas, sete días á semana, cuns salarios que oscilan entre os 700 e os 850€. Denuncian que foi a raíz da reclamación dun festivo traballado cando Tecnocom, en represalia, mudou as quendas sen posibilitar negociación algunha. Unha situación que os levou a presentar conflito colectivo.

Segundo explica Renato Núñez, representante da CIG de Compostela, explica que as xornadas de folga dos días 1, 2 e 5 afectarán aos centros de saúde e que as dos días 10 e 11 afectarán aos hospitais.

Tecnocom ten a concesión do mantemento do soporte informático de numerosas aplicacións empregadas na sanidade pública galega. Durante a semana mantén, en concreto, o dos centros de saúde e é outra empresa a que se encarga do mantemento dos soportes informáticos dos hospitais. Porén, durante as fins de semana o mantemento do dos hospitais pasa a Tecnocom.

A convocatoria de folga conta ademais co apoio dos comités de varias empresas TIC de Compostela como Bahía Software, Dinahosting, Contact Nova e a sección sindical da CIG de Coremain. A estas sumouse, onte mesmo, a sección sindical da CIG de OESI.

A CIG-Saúde tamén manifestou a súa solidariedade cos traballadores e xa instou ao Sergas a presionar a Tecnocom para que sente a dialogar co seu persoal evitando así as posíbeis consecuencias tanto para usuarios/as como para as/os profesionais do sistema de saúde, que empregan as aplicacións informáticas que mantén esta empresa como o FIDES ou o aplicativo que facilita a dispensación de Sintrom.

Volver