O 100% do persoal de fábrica de Alonarti Envases secunda a primeira xornada de folga

A CIG decidiu convocar un paro indefinido na empresa do Porriño tras o despido dun afiliado da central
Vigo - 17 Xan 2017

A totalidade do persoal de fábrica de Alonarti, empresa do Porriño dedicada á fabricación de envases para a industria farmacéutica e cosmética que traballa para marcas como L'Oréal, Ferrer, Farmasierra, Neocos ou Lamarvi, secundou hoxe a primeira xornada da folga indefinida convocada pola CIG para rexeitar o despido dun afiliado. Dende a federación de Industria da central sosteñen que con esta decisión a dirección da compañía pretende “amedrentar” os traballadores/as ante a inminente negociación do convenio colectivo.

Todos/as os empregados/as da área de produción de Alonarti Envases apoiaron a folga e optaron por non presentarse nos seus postos de traballo, polo que a primeira xornada do paro indefinido tivo un seguimento do 100% tanto na quenda de mañá como na de tarde. Ademais, para a quenda de noite agárdase un seguimento moi similar.

A única actividade que se rexistrou na empresa durante toda a xornada foi na zona de oficinas, xa que os dous delegados/as da UGT no comité, pertencentes ao colexio de técnicos/as e administrativos/as, optaronpor non secundar a medida de presión a acudiron a traballar.

Coincidindo coa folga, boa parte do cadro de persoal da compañía con sede no polígono porriñés das Gándaras permaneceu concentrado diante das instalacións da empresa, especialmente durante os cambios de quenda (6.30 e 14.30 horas). Está previsto que as mobilizacións continúen tamén ao inicio da quenda de noite, por volta das 22.30 horas.