A PGDEP reitera: "nin LOMCE nin reválidas, hai que derrogar esta lei"

O 90% do alumnado de ESO e Bacharelato secundou a xornada de folga convocada no ensino medio

Nacional -

“Polos datos que temos, o 90% do alumnado secundou hoxe en Galiza a folga convocada en ensino medio, ESO e Bacharelato, e houbo numerosos centros nos que a participación foi do 100%”. Así o declaraba ao comezo da manifestación de Compostela o portavoz da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, quen considerou que “esta é a mostra máis palpable do enorme rexeitamento que suscitan a LOMCE e as reválidas no noso país”.

Diante destas cifras, Louzao manifestou que “agardamos que, por unha vez, o goberno central e o goberno da Xunta de Galiza teñan en conta este clamor unánime”. Xunto a isto reiterou a denuncia da PGDEP polo “engano” e a “fraude” do goberno por difundir a información de que as reválidas xa son pasado mentres se actúa en sentido contrario, na medida en que se pretende lexislar en sentido contrario”.

A este respecto lembrou que as reválidas van ter valor académico, tal e como se recolle no Decreto Lei que ten preparado o goberno e advertiu que “o PP pretende que quede en nada a resolución do Parlamento español que insta ao goberno a derrogar a LOMCE”.

O portavoz da PGDEP considerou que “se hai un mínimo de sensibilidade, o goberno ten que escoitar á sociedade galega que repetidamente vén amosando o seu total rexeitamento a estas reválidas e a esta LOMCE que poñen en cuestión o sistema educativo, que poñen en perigo o dereito á educación pública, afondan na confesionalidade, desbotan a xestión democrática e recentralizan aínda máis o sistema educativo”.

Ademais asegurou que a Plataforma continuará loitando pola total derrogación desta lei e pola tarde desenvolveu concentracións en todas as cidades galegas e nas vilas de Cee, Vilagarcía e O Carballiño.

Manifestacións por toda a xeografía galega

A PGDEP participou nas manifestacións que se sucederon por toda a xeografía galega. Mobilizacións que se desenvolveron baixo unha intensa chuvia en todas as cidades, mais tamén en Melide, Ribeira e Ponteareas. Noutras vilas, como Boiro, O Barco, Caldas, Cangas ou Vilagarcía, os actos de protestas desenvolvéronse como concentracións.

Volver