O alcalde de Verín, condenado a someter ao pleno os acordos asinados coa CIG en xullo de 2016

En concreto, os convenios colectivos do persoal laboral e do funcionario, as bases de contratación e a RTP

Verín -

O Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense vén de ditar sentenza condenando ao alcalde Verín, Gerardo Seoane, a incoar no prazo de 10 días un procedemento administrativo dirixido a dar cumprimento dos acordos adoptados pola Mesa de Negociación en xullo de 2016 a respecto do convenio colectivo do persoal laboral, o acordo regulador dos funcionarios/as, a relación de postos de traballo (RTP) e as bases de contratación do Concello.

A resolución xudicial, que estima o recurso presentado pola CIG, imponlle ao rexedor a obriga resolver o proceso nun prazo máximo de tres meses e condena o Concello ao pagamento das custas procesuais. Segundo explican dende a CIG, o Goberno local e a representación dos traballadores/as aprobaron no ámbito da Mesa Xeral de Negociación a actualización da relación de postos de traballo, a renovación do convenio colectivo do persoal laboral, o acordo regulador do persoal funcionario e as bases de contratación do Concello. 

O alcalde incumpriu e defraudou os compromisos contraídos

Nunha xuntanza posterior pactouse o cronograma da negociación colectiva, “ficando comprometido o Concello de Verín a someter ao pleno municipal inmediatamente posterior á Mesa Xeral o citado acordo. Porén, os compromisos contraídos foron “defraudados e incumpridos sistematicamente pola máxima autoridade local verinesa que decidiu, unilateralmente, non someter a aprobación plenaria os pactos asinados”.

Até tres requirimentos

Diante disto, antes de interpor un recurso contencioso a CIG requiriulle ao Goberno local até en tres ocasións que dese cumprimento ao acordado: o 27/09/16, o 13/10/16 e o 13/01/17. “Ningún dos tres requirimentos previos rematou por producir o efecto pretendido e, así as cousas, a CIG de Verín e A Limia impugnou nos Xulgados do Contencioso Administrativo de Ourense a inactividade material do alcalde ao considerar que o incumprimento do acordado violaba o dereito á negociación colectiva do artigo 37 da CE”.

Na central consideran que no caso de que o rexedor no mude a súa actitude de aquí ao fin da lexislatura “infelizmente este vai ser o camiño que percorrerá o Goberno local nos catro preitos que aínda faltan por resolver; daquela, ninguén poderá aducir que a CIG non tentou a vía do diálogo e que non advertiu das consecuencia da reiteración e da negativa a negociar”. Finalmente, reiteran que están dispostos/as a dialogar co Concello, “mais ese diálogo pasa por cumprir o que se asina e, neste caso, o alcalde verinés foi condenado por incumprir o que asina”.

Volver