O Banco de España non valida ningunha titulación das Universidades galegas para o persoal do sector financeiro

CIG-Banca denuncia “o desleixo máis absoluto” da Xunta de Galiza, á que responsabiliza desta situación
Nacional - 19 Xul 2019

A lei 5/2019 de 15 de marzo, reguladora dos contratos de creto inmobiliario, obriga aos cadros de persoal das entidades financeiras que comercializa, asesora ou deseña préstamos hipotecarios, a certificarse, é dicir, a recibir unhas formacións acreditadas sobre esta materia. O pasado 12 de xullo o Banco de España publicou a listaxe de entidades e empresas certificadoras, así como das formacións que considera válidas. Ningunha Universidade Galega e ningunha das titulacións destas, terán validez. Así mesmo tampouco terá validez o certificado de acreditación profesional por experiencia.

O sector de banca da CIG considera que esta situación é consecuencia “do desleixo máis absoluto por parte da Xunta de Galicia”, tanto no relativo as titulacións impartidas polas Universidades Galegas, coma pola non presentación a validación das denominadas “Acreditacións Profesionais por Experiencia”.

Lembra que se están establecendo como obrigatorias para traballar no sector financeiro titulacións e formacións de entidades ou empresas privadas (mesmo entidades dos propios bancos), en detrimento das titulacións públicas. “Un chanzo máis na privatización do ensino”, denuncia.

Sinala ademais que non é a primeira vez que acontece algo semellante, como cando a CNMV comezou a requirir formación ao persoal das entidades financeiras que informa ou asesora sobre produtos complexos. “Daquela ningunha titulación oficial galega fora validada”.

Traslado da responsabilidade á clientela e os cadros de persoal

A CIG-Banca denuncia ademais que no canto de poñer coto ás políticas comerciais das entidades financeiras, de vixiar e restrinxir a comercialización de produtos complexos, ou de que os Organismos públicos competentes en materia de supervisión vixíe as cláusulas dos contratos bancarios, “a lexislación opta por trasladar a responsabilidade á clientela e aos cadros de persoal das entidades”.

Asegura que os traballadores e as traballadoras están obrigadas a recibir unhas “formacións inútiles”, coma se o modelo dos contratos dos préstamos hipotecarios, nomeadamente as cláusulas dos contratos, non fosen pechadas e sen posibilidade de modificación por parte do persoal das oficinas.

Neste senso, o Banco de España abriu este proceso para validar as formacións/certificacións, que requiría unha solicitude ao citado Organismo por parte das entidades ou empresas que pretendesen validar as súas formacións.