O Banco Santander obtén beneficios récord a conta de pechar oficinas e reducir persoal
A CIG-Banca continuou este mércores coas mobilizacións para denunciar “a ofensiva do Banco Santander contra o persoal e a clientela” co peche masivo de oficinas e a destrución de emprego. Un modelo de negocio baseado na precarización laboral, no recorte da atención presencial e dos servizos, cando a entidade está obtendo beneficios de récord.
No ano 2025, banco pechou un 8,67% da rede no Estado (164 oficinas), e para este ano a previsión é pechar 185 máis, un 10,71% das que había a decembro do ano pasado. Este peche de oficinas, advirte a CIG-Banca, “obedece unicamente a un criterio de redución de costes, sen ter en conta as repercusións negativas para o persoal e a clientela”.
O próximo 10 de abril está previsto o peche de 6 oficinas en Galiza: 4 na provincia de A Coruña (Santa Cruz, Polígono de Pocomaco, Bergondo e oficina de empresas de Ferrol) e 2 na provincia de Pontevedra (oficina de empresas de Pontevedra e oficina de empresas de Vilagarcía de Arousa). Aínda que é previsíbel que a medida que avance o ano se produza a clausura de máis oficinas.
Ademais dos trastornos que xera para a cliente, estes peches “van sempre acompañados de redución de persoal. No Santander, desde hai varios anos, esa redución faise por dúas vías: despidos disciplinarios e saídas pactadas de mutuo acordo (prexubilacións), sen que se contrate novas traballadoras ou traballadores”.
Así mesmo, estase producindo un incremento da presión comercial “nunca vista, aplicada pola dirección comercial do Banco, que chega incluso ao acoso e á persecución para cumprir cuns obxectivos irreais e inalcanzábeis, imposíbeis de lograr dentro da xornada laboral”.
O déficit estrutural de persoal xunto co acoso comercial, están levando ao límite a saúde mental das persoas que traballan na rede comercial, sen que a dirección do banco faga nada por cambiar esta situación. “As traballadoras e os traballadores da rede de oficinas no Banco Santander viven un clima laboral permanente de tensión, estrés constante, desgaste emocional e baixas por ansiedade, e non podemos permitir que se siga normalizando esta situación”, subliña a CIG-Banca.
E neste senso, a central sindical avanza que continuará denunciando e mobilizándose contra as actuacións dunha empresa “que di estar aliñada coa responsabilidade social e o traballo, pero cuxos feitos non se corresponden con estas afirmacións”.