O Carballiño: rescatar concesións e abandonar persoas

Cinco traballadoras da limpeza de colexios na rúa despois da remunicipalización do servizo

O Carballiño -

É posíbel que unha medida de cariz progresista se acabe volvendo contra os traballadores/as? Así se demostra no caso da remunicipalización do servizo de limpeza de colexios públicos do Concello do Carballiño, onde despois do proceso se despediu ás cinco traballadoras que até o momento desenvolvían esa función. Cinco mulleres quedan agora na rúa, nalgún dos casos en situación de especial vulnerabilidade, agardando que o goberno municipal rectifique a decisión.

De pouco vale levar a cabo unha política nominalmente progresista se non vai acompañada do respeito máis elementar por aqueles/as a quen se di defender. É o caso do goberno municipal do Carballiño, en mans do PSOE, que cando decidiu “rescatar” o servizo de limpeza dos centros escolares deixou relegadas as cinco mulleres que até entón traballaban para a empresa Clece.

Aínda que desde o primeiro momento a CIG tentou a súa readmisión, o concello escúdase na súa condición de entidade pública para non acatar o convenio, que contempla a subrogación no caso de cambios de titularidade de empresa. Por iso, a proposta da central nacionalista consistiu en que a institución se persoase no acto de conciliación e readmitise as cinco traballadoras “como persoal indefinido” mentres non se convocase un concurso-oposición “segundo os principios de igualdade, mérito e capacidade”.

Despois de diferentes conversas, nas que parecía que o concello se aviña a entrar en razóns, o certo é que pasadas as eleccións “non se persoaron na conciliación”, resolvendo denegar as reclamacións das afectadas. Anxo Pérez Carballo, da Executiva Confederal da CIG, salienta a inxustiza da medida: “non é que suspenderan unha oposición, é que nin sequera se lles deu unha oportunidade para continuar nos seus postos”. Ao tempo, foron substituídas “de forma aleatoria” desde o Servizo Público de Emprego.

Rolda de contactos e mobilizacións

Neste sentido, desde a central iniciouse xa unha rolda de contactos cos diferentes grupos municipais na busca de apoios, ademais de levar a cabo concentracións diante do mesmo concello para visibilizar a problemática. “Se no lugar de cinco fosen cincuenta estamos seguros de que o goberno municipal non se tería atrevido”, asegura o sindicalista, para quen, aínda así “estamos a tempo de solucionalo”.

Por iso, solicita ao concello que abandone a súa negativa e atenda a xusta reclamación destas cinco compañeiras en “moi difícil situación”, tendo en conta ademais que “hai varias situacións de especial vulnerabilidade e mesmo familias monoparentais”.

A CIG aposta decididamente polo rescate de servizos públicos en beneficio da clase traballadora, tal e como aprobou no seu Secretariado Confederal en 2015. Este proceso evidencia, porén, todo o contrario: que é posíbel o rescate de servizos privatizados abandonando, á súa vez, as traballadoras.

Volver