O centro de saúde de Chantada queda sen odontólogo no verán e ten unha lista de agarda en Fisioterapia de dous anos

CIG-Saúde Monforte pide que se restitúa a praza de fisio da tarde
Monforte - 12 Xul 2018

A CIG-Saúde de Monforte denuncia o desmantelamento paulatino e a perda de servizos que se está a dar na atención primaria da comarca. Como exemplo expón o caso do centro de saúde de Chantada, onde existe unha lista de espera en Fisioterapia de arredor de dous anos para pacientes crónicos ordinarios, e que fica sen Odontoloxía no verán porque non se cobren as vacacións do profesional que ocupa a praza, de modo que as e os doentes son derivados ao centro de saúde de Monforte.

A respecto do servizo de Fisioterapia, a CIG-Saúde explica que hai uns anos o centro contaba con dous fisioterapeutas (en quenda de mañá e de tarde), mais na actualidade só ten unha especialista que traballa en quenda de mañá "e está desbordada pola carga de traballo. Ten unha media de atención diaria de 25/30 persoas aínda que ás veces é moi superior. E hai que destacar que fai atención con máquinas e mans segundo o prescrito".

Dende hai máis de tres anos o SERGAS decidiu pechar a consulta de fisio de tarde e levala para o centro de saúde de Monterroso en quenda de mañá. "Non sabemos que  criterio seguiu o Servizo Galego de Saúde para tomar esa medida, pero si o que supón na actualidade: a fisioterapeuta ten unha lista de espera de arredor de dous anos para unha cita para pacientes crónicos ordinarios derivados de atención primaria e unha media de dous meses para cita preferente (sempre dependendo da súa patoloxía  e atendendo a  prioridade establecida previamente)", advirten.

A fisioterapeuta atende a pacientes de Carballedo e Chantada que son derivados/as polo médico/a de atención primaria e pacientes que son remitidos/as por atención especializada, como poden ser persoas operadas de prótese de xeonllo, ombreiro…. "Estes/as pacientes de atención primaria e especializada son atendidos/as na maior brevidade posíbel atendendo a súa prioridade".

Sanidade di que non hai profesionais para cubrir a praza

A CIG-Saúde expuxo esta situación na reunión da Comisión de Centros de Atención Primaria coa Eoxi Lugo, O Cervo e Monforte que tivo lugar o pasado 28 de xuño. "A contestación da Xerencia foi que a praza de fisio de Monterroso pertence a Chantada e que non se pode cubrir Chantada porque nas listas de contratación de fisios non hai persoal dispoñíbel na Área de Monforte", explica Vicente Vázquez, delegado da CIG-Saúde.

Diante da contestación da administración, a central sindical revisou as listas "e comprobamos que na nosa área de saúde hai anotados 28 candidatos e candidatas. Nas listas de contratación que para traballar nas zoas limítrofes na área de Lugo hai 61 persoas anotadas e de Ourense 63. Polo que nos preguntamos como é posíbel que non haxa ninguén disposto a cubrir unha consulta de fisioterapia entre 152 persoas".

En vista da situación, a CIG-Saúde demanda que se restitúa a praza de Fisioterapia no centro de saúde de Chantada e que se manteña a de Monterroso, posto que deste xeito "axilizaríanse moito  as listas de espera deste servizo".

Falta de cobertura das vacantes

Xunto a isto, CIG-Saúde denuncia que na EOXI Lugo, O Cervo e Monforte non se cobren as ausencias do persoal de atención primaria, provocando "que os e as profesionais se vexan desbordados de carga de traballo e que os e as pacientes sufran recortes na súa atención sanitaria". Esta falta de cobertura ocasiona, por exemplo, que cando o dentista do centro de saúde de Chantada colle vacacións, "as/os doentes son derivados/as na súa atención ao centro de saúde de Monforte de Lemos". Deste xeito, unha persoa de Carballedo tería que recorrer 40 km para acudir a unha cita co/a dentista.

CIG-Saúde demanda que se cobran as ausencias de todo o persoal de atención primaria, tanto do sanitario como non sanitario, para garantir unha asistencia próxima e de calidade.