O centro de saúde de Viana do Bolo tivo que ser atendido a semana pasada por un só médico/a dos tres que hai

A CIG-Saúde do Barco denuncia que unha facultativa fíxose cargo de 80 pacientes e das saídas domiciliarias
Valdeorras - 09 Ago 2018

A federación de Saúde da CIG do Barco de Valdeorras amosa o seu rexeitamento ás prácticas “irresponsábeis e temerarias” da xerencia da EOXI de Ourense por permitir que o centro de saúde de Viana do Bolo estivese atendido a semana pasada por un só médico/a, cando o habitual é que haxa tres facultativos/as.

Dende a CIG-Saúde do Barco critican que aos xa habituais peches de camas, falta de coberturas de persoal e perda de servizos derivados da política que aplica a Xerencia “se unise agora a capacidade de admitir pola súa parte unha diminución estival de recursos de tal magnitude como a acontecida a semana pasada no centro de saúde de Viana do Bolo, onde dos tres médicos/as cos que conta habitualmente o centro só permaneceu cuberto un posto”. 

Esta situación fixo imposíbel atender de forma axeitada a unha poboación incrementada pola chegada de veraneantes”

Segundo denuncian, esta situación provocou que unha única facultativa tivese consultas de máis de 80 pacientes, ademais de desprazamentos domiciliarios, durante a quenda de mañá, “coa imposibilidade de atender axeitadamente a unha poboación incrementada pola chegada de veraneantes”.

Ao mesmo tempo, sinalan que o rexeitamento deste tipo de prácticas e actuacións, e a defensa dos dereitos laborais dos traballadores/as e dos dereitos sanitarios dos pacientes que exerce a central sindical “está a molestar aos xestores sanitarios da EOXI, que xa chegaron a advertirnos que non temos a representación dos pacientes nin é a nosa función velar polos seus dereitos, e que polo tanto non debemos ocuparnos da situación das resonancias magnéticas nin das listas de espera”.

Resposta aos escritos

Diante disto, dende a CIG queren deixar moi claro que seguirán a ocuparse tanto dos dereitos dos traballadores%as, “que son a nosa razón de ser”, como dos pacientes e da súa perda de prestacións sanitarias, “gústelle ou non á Administración sanitaria”.

Finalmente, esíxenlle aos responsábeis da EOXI que responda os escritos pendentes de contestación “e advertímoslles que non imos a tolerar manobras de obstrución para evitar o control das actividades e dos resultados sanitarios”.