As enfermeiras/os especialistas en pediatría denuncian discriminación laboral por parte do Sergas

Recollen sinaturas para reclamar a apertura de listas de contratación específicas na súa especialidade

Vigo -

Unha representación do colectivo de enfermeiras/os especialistas en pediatría compareceu hoxe en rolda de prensa no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para denunciar a discriminación laboral que padecen por parte do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Diante disto, están a recoller sinaturas entre as especialistas galegas para reclamar a apertura de listas de contratación específicas para a súa especialidade para que “alí onde haxa un neno/a, tanto no ámbito hospitalario como na Atención Primaria, haxa unha enfermeira/o pediátrica”.

Varios membros da Asociación Galega de Enfermería Pediátrica explicaron diante dos medios de comunicación que adoptar esta decisión en resposta ao acordado o pasado 13 de xuño na xuntanza da comisión central de seguimento do pacto de contratacións, na que se decidiu abrir a inscripción para as listas de enfermería especialista e comunitaria, “pero non se nombran outras especialidades como pediatría ou xeriatría”.

Diante disto, esta semana comezaron a recoller sinaturas en todo o país entre os especialistas galegos/as, “e a pesar de que nos atopamos en período vacacional só en Vigo xuntamos arredor de 50”, que entregaron no Rexistro do hospital ao remate da rolda de prensa.

Entre as súas reivindicacións, solicitan a apertura de listas de contratación temporal en enfermeira/o especialista en pediatría onde se poidan inscribir tanto profesionais que se especializaron vía EIR (Enfermeira/o Interna/o Residente) como por vía excepcional; que se desenvolva o Decreto 81/2016 do 23 de xuño mediante o que se crea no ámbito do Sergas a categoría estatutaria de enfermeira/o especialista; que se reclasifiquen as prazas de enfermería nas unidades pediátricas, tanto de Atención Primaria como de Atención Especializada, en prazas de especialistas en pediatría; e que se inclúan as prazas de especialista nas ofertas de emprego de 2017, como sucede noutras especialidades. 

O importante é que a atención á poboación pediátrica a faga o persoal con formación específica

Reclamamos todo isto porque a nosa situación actual é que as enfermeiras/os especialistas que obteñen o título mediante vía excepcional e que xa teñen a súa propia praza non se lles compensa economicamente polo título, como si pasa noutras especialidades como matrona ou saúde mental”. Ao mesmo tempo, ás que saen vía EIR só lles permiten o acceso a unhas listas especiais, que poden ser UCI pediátrica ou neonatal. “No caso de Urxencias están en común adultos e pediátricas, polo que se pode dar o caso deque un especialista en pediatría remate en adultos e un de adultos en pediátricas”.

Apertura das listas en todos os ámbitos

Explicaron que a estas listas pódese acceder tanto con dous meses de traballo como con prácticas voluntarias de tres semanas, o que implica que a igualdade de puntos ao comezar as listas especiais, as da vía EIR terían dous puntos ao rematar os dous anos, mentres que as da vía execepcional, se fan as prácticas voluntarias e logo traballan o resto do ano en calquera outro sitio de enfermería, terían 7,2 puntos.

Polo tanto, solicitan a apertura das listas de pediatría patra todos os ámbitos, “para que onde haxa un neno/a exista unha enfermeira/o pediátrica/o, do mesmo xeito que onde hai unha embarazada ninguén se plantexa que non haxa unha matrona”. Finlmente, lembraron que o que están a reclamar xa se aplica en outras comunidades autónomas, como por exemplo no País Vasco.

O importante é que a atención á poboación pediátrica, tanto no ámbito hospitalario como en Atención Primaria, sexa por persoal que está formado especificamente. O contrario supón unha perda de recursos públicos, porque o gasto en formacion non redunda en beneficio do paciente”, remataron.

Volver