O colectivo de persoas xubiladas da CIG mobilizarase pola revalorización das pensións ao IPC real

Convocan concentracións este xoves, día 22, nas sete comarcas
Nacional - 19 Xan 2026

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG arrincará o calendario de mobilizacións deste 2026 reclamando unhas pensións públicas e dignas e a súa revalorización, por lei, conforme ao IPC interanual.

O próximo xoves 22 de xaneiro, o colectivo concentrarase nas sete comarcas para denunciar que as pensións galegas seguen a ser as segundas máis baixas do Estado e que a suba que se efectiviza este mes “non permite recuperar o poder adquisitivo perdido cando se introduciu o IPC medio como índice de revalorización”.

Horas e lugares das concentracións
  • A Coruña: 10h, diante do INSS (Rúa Félix Estrada Catoira).
  • Ourense:30h, diante do INSS (Parque de San Lázaro).
  • Ferrol: 12h, diante do INSS (Praza de Catalunya).
  • Pontevedra:30h, diante do INSS (Rúa Gagos de Mendoza).
  • Vigo: 11h, diante do INSS de Coia (Rúa do Grove).
  • Lugo:30h, diante do INSS (Ronda Xosé Castiñeira).
  • Santiago: 12h, diante do INSS (Rúa Galeras).

Explican que no ano 2021, que rematou cun IPC interanual de 6,5 puntos, o incremento das pensións feita por primeira vez conforme o IPC medio foi dun 2,5%, polo que se perdeu un 4% de poder adquisitivo. E aínda que algún dos últimos anos o IPC medio superou o interanual, “o certo é que non foi suficiente para compensar o perdido e a día de hoxe seguimos mantendo unha perda dun 0,7% que aínda non se recuperou”.

Pensións máis baixas

O Colectivo subliña que a pensión media continúa case 15 puntos por debaixo da pensión media do Estado, o que supón cobrar preto de 200 euros menos cada mes. No caso das mulleres galegas a situación agrávase ao manterse unha fenda que supera os 400 euros mensuais, con respecto ao que perciben os homes.

“Se a inflación segue aumentando, podemos volver vernos noutro deses anos nos que o IPC interanual é moito máis alto que o IPC medio, e aumentar esa perda de poder adquisitivo. E así, as persoas que na Galiza cobramos unha pensión seguimos ano tras ano tendo menos capacidade de gasto, porque as nosas pensións valen cada vez menos”, denuncian.

Por iso, demandan tamén a derrogación das reformas das pensións, a comezar pola de 2011, “que supoñen un ataque ao sistema público de pensións e o empeoramento tanto no acceso como nas contías das pensións”. Exixen tamén que a pensión mínima teña a mesma contía que debería ter o SMI, isto é, acadar o 60% do salario medio, tal e como marca a Carta Social Europea.