O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG esixe a derrogación das reformas de 2011 e 2013

Emprazan o novo Goberno a aplicar medidas para garantir un sistema público de pensións forte

Nacional -

A CIG continuou este xoves coas mobilizacións en defensa dun sistema público de pensións "que faga posíbel unha vida digna para as persoas xubiladas e pensionistas". Neste ocasión, as concentracións realizáronse diante das Subdelegacións do Goberno nas catro provincias, nas que se rexistraron escritos dirixidos á ministra de Traballo, Magdalena Valerio, emprazándoa a recoller e executar as reivindicacións da central sindical nesta materia, que pasan inevitabelmente pola derrogación das contrarreformas laborais e da negociación colectiva e as reformas das pensións.

"Que non nos rouben as nosas pensións" ou "Goberno escoita, seguimos en loita", foron algunhas das consignas que se escoitaron nas concentracións realizadas ás portas das subdelegacións do Goberno na Coruña, Lugo, Pontevedra e Ourense, onde o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG advertiu que, a pesares do cambio de goberno, "a situación segue a ser a mesma, porque as reformas das pensións de 2011 e 2013 continúan en vigor".

Por iso, adiantaron que "se durante anos a CIG se mobilizou contra estas reformas, agora non imos parar até que sexan derrogadas". Lembraron que as reformas do sistema público de pensións de 2011 (que a central nacionalista contestou cunha folga xeral en solitario en xaneiro dese ano) e de 2013, "agravan que na Galiza teñamos as pensións máis baixas do Estado español".

Empobrecemento das pensións

Dende o colectivo subliñan que na actualidade esta se producir un empobrecemento das e dos pensionistas, de maneira que case o 60% das pensións galegas están por debaixo do salario mínimo, aumentándose a diferenza negativa. De feito, na Galiza, a pensión media está máis de 15 puntos por baixo da media do Estado español. Especial mención merece a discriminación das mulleres, xa que adoitan ter unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, o que xunto á feminización das pensións non contributivas, provoca que 1 de cada 4 galegas maiores de 65 anos estea por debaixo do limiar da pobreza.

A esta deterioro ten contribuído de maneira significativa a aplicación da reforma laboral, "que impón a pobreza laboral, a precariedade, contratos de traballo en condicións escravizantes, a tempo parcial e salarios miserentos que nin tan sequera chegan ao salario mínimo interprofesional, algo que provoca que haxa unhas pensións cada vez máis baixas", denunciaron.

Responsabilidade do Goberno

Fronte a isto, o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG subliña que a creación de emprego estábel, en condicións dignas e con salarios xustos "constitúe o mecanismo prioritario para dotar de recursos suficientes o sistema de pensións, presente e futuro. Necesítanse políticas que prioricen a creación de emprego de calidade e o aumento dos niveis salariais. Para iso, é imprescindíbel a derrogación das contrarreformas laborais e da negociación colectiva e tamén a das reformas das pensións, tanto de 2011 como de 2013".

Entenden que o Estado "non pode abdicar da súa obriga e responsabilidade neste eido", polo que a emprazan ao novo Goberno "a estabelecer estas e outras medidas necesarias para garantir un sistema público de pensións forte".

Volver