O comercio de alimentación pontevedrés irá á folga se a patronal non acepta reducir a xornada e subir os salarios

Varios centos de persoas traballadoras do sector participaron na manifestación convocada pola CIG-Servizos en Vigo este domingo
Vigo/Pontevedra - 12 Xun 2023

A CIG-Servizos convocará folga no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra no caso de que a patronal non acepta reducir a xornada e pactar unha suba salarial que recoñeza o esforzo feito polo persoal do sector nos últimos anos. Así o anunciou onte a secretaria nacional, Transi Fernández, ao remate da manifestación celebrada en Vigo para reclamar un convenio colectivo digno e denunciar o bloqueo das negociacións por parte do empresariado.

A responsábel sindical censurou que tras sete xuntanzas a patronal aínda non achegou ningunha proposta económica que permita avanzar na posibilidade dun acordo, polo que a central decidiu poñer en marcha un calendario de mobilizacións que se iniciou o pasado venres día 2 cunha manifestación polas rúas de Pontevedra. E onte varios centos de persoas traballadoras do secto percorreron o centro de Vigo dende Vía Norte até o farol de Urzaiz ao berro de “Se sube o IPC, os salarios tamén”.

Unha vez finalizada a protesta Fernández lembrou que tamén se está a negociar o convenio de Lugo, no que a parte empresarial ofrece un incremento do 4 % para o ano 23, proposta que foi rexeitada pola CIG, logrando que se convoque folga para o 23 de xuño.

Deste xeito, no caso de que a patronal non achegue na xuntanza prevista para este martes 13 propostas próximas ao que reivindica o sector “haberá que tomar medidas de presión máis máis contundentes como parar o día 23”. Convocatoria que foi aprobada por unanimidade dos asistentes na asemblea celebrada ao remate da marcha.

Sector esencial

A secretaria nacional da CIG-Servizos lamentou que os outros sindicatos presentes na mesa de negociación non quixeran participar das mobilizacións “criticando incluso a nosa convocatoria e poñendo en dúbida a representación da CIG na mesa, que é de maioría absoluta”.

Finalmente fixo fincapé en que “non pode ser” que un sector que foi considerado esencial durante a pandemia “logo o esforzo do seu persoal non se vise compensado”. Polo que sinalou que ademais dunha suba salarial digna “reclamamos algo importante como unha redución de xornada para poder conciliar e descansar”.