O comercio do metal pontevedrés convoca folga ante a ruptura das negociacións do convenio
Tal e como tiñan adiantado en varias ocasións, os traballadores/as do comercio do metal da provincia de Pontevedra optaron finalmente por convocar folga no sector ante a ruptura das negociacións do convenio colectivo por parte da patronal. Ao mesmo tempo, as tres centrais sindicais maioritarias anunciaron que desenvolverán unha nova mobilización este sábado en Vigo coincidindo coa celebración do Salón do Vehículo Usado e de Ocasión.
O paro de 24 horas, ao que están chamados os entre 7000 e 8000 empregados/as que ten o sector na provincia, terá lugar o vindeiro martes 22 de novembro, tal e como veñen de comunicar a CIG, CCOO e UGT. Pero antes, este sábado día 19, de 12:00 a 13:00 horas, levarán a cabo unha nova mobilización, que nesta ocasión consistirá nunha concentración ás portas do IFEVI en Vigo, onde se celebra o Salón do Vehículo Usado e de Ocasión.
Con estas accións pretenden forzar a patronal a retomar as conversas para renovar o convenio, caducado dende 2020, unha vez que a asociación empresarial ATRA rompeu as negociacións ao retirar da mesa as últimas propostas que presentara. Tanto CIG como CCOO e UGT remitíronlles escritos a todas as empresas nas que teñen representación explicándolles o que está a acontecer como consecuencia da actitude de ATRA. “Entendemos que todas estas empresas deberan estar representadas na mesa porque ATRA lles está a ocultar información sobre a realidade da negociación”, sinala a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández.
Ademais, os sindicatos reiteran a súa intención de intensificar as protestas -até o de agora desenvolveron concentracións e manifestacións en Vigo e unha concentración en Pontevedra- se a patronal continúa coa súa actitude inmobilista e insiste en achegar propostas que a CIG cualifica de “miserentas”. De feito, na última proposta o empresariado ofertaba un 0% de aumento de soldo para os anos 2020 e 2021, mentres que para 2022 ofrecía un 6,5% (dende xaneiro e sen revisión salarial) e un 4% para 2023 a 4%, sen revisión salarial.
Dous anos caducado
En canto á redución de xornada demandada pola parte social, a patronal contemplaba unicamente 8 horas anuais ou cambialas por un día de libre disposición. “O que nós pedimos é que a revisión salarial con carácter retroactivo e que a redución de xornada sexa de canto menos 8 horas en cada un dos dous últimos anos de vixencia do convenio”, explica Fernández.
O convenio colectivo do sector do comercio metal de Pontevedra (que leva dous anos caducado) abrangue actividades tan diversas como comercio de electrodomésticos, ferretería e material de oficina; recambios e accesorios de vehículos; almacenistas-maioristas de material eléctrico; maquinaria en xeral; xoiaría, prataría, reloxaría, así como concesionarios de vehículos e establecementos de venda de neumáticos.
Para tentar ordenar esta amalgama, as organizacións sindicais propuxeron entrar no convenio provincial de comercio vario que se vén de asinar, pero o empresariado negouse.