O comité da residencia 'Albertia Lugo' denuncia os reiterados incumprimentos laborais da empresa

Instan a Xunta a que inspeccione e controle o servizo que se presta
Lugo - 21 Feb 2020

O comité de Albertia Servicios Sociosanitarios de Lugo compareceu este venres en rolda de prensa para denunciar a elevada conflitividade laboral que existe nesta residencia a causa dos incumprimentos do convenio e das condicións de traballo por parte da dirección. Dende a representación social fixeron un chamado á Xunta para que interveña e inspeccione como está prestando esta empresa o servizo ás persoas usuarias.

Albertia Lugo, denuncia o comité (CIG e UGT), non está a respectar os dereitos laborais do persoal, que xa viña prestando servizos neste centro e ao que a empresa subrogou logo de chegar a un acordo coa antiga dirección (Abeiro Gold) para facerse coa xestión da residencia en agosto do pasado ano. Estes incumprimentos obrigaron a representación social a presentar no xulgado dúas demandas de conflito colectivo por modificacións substanciais das condicións laborais.

Ademais, explicaron na rolda de prensa, o comité tivo que presentar denuncias na Inspección de Traballo "pola imposición unilateral das carteleiras de febreiro, ao modificar substancialmente as do ano 2019, e polo incumprimento do establecido no convenio colectivo". Entre outras cuestións, subliñan que as carteleiras que decreta a dirección de Albertia non son anuais e non foron negociadas co comité, incumpren os descansos entre xornadas e os descansos semanais, inclúen quendas fixas cando até agora se facían de maneira rotativa, etc.

Recortes de persoal e de material

Xunto a isto, a representación das traballadoras e dos traballadores dirixiuse á Consellaría de Política Social instando a que faga inspección e control da maneira na que Albertia presta o servizo aos usuarios e usuarias "pois incrementa o prezo e ao tempo recorta medios humanos e materiais".

Un recorte que, alertan, incide de xeito moi negativo nos coidados e na atención que se dan e que provoca situacións de estrés e ansiedade no cadro de persoal, "que non pode desenvolver a súa actividade laboral de acordo ás necesidades das persoas enfermas e dependentes".

Por todo isto, dende o comité instan a Consellaría, que hai pouco publicitou nos medios estar levando a cabo unha campaña no control do sector das residencias, a que asuma a responsabilidade política "de non permitir que os coidados das nosas persoas maiores non reúnan as condicións e requisitos básicos en base a puros intereses económicos"

Se non se negocian as carteleiras, haberá mobilizacións

Neste senso, advirten que, se o 1 de marzo a empresa non se aveu a negociar e acordar as carteleiras para todo 2020, iniciarán un calendario de mobilizacións que terá como primeira parada o edificio administrativo da Xunta de Galiza.