O persoal da industria do aluminio reclama solucións á Xunta

O Comité de Alcoa San Cibrao volve solicitar unha reunión con Feijoo ante as intencións da multinacional de vender as fábricas
San Cibrao - 15 Nov 2016

O Comité da fábrica de Alcoa en San Cibrao acaba de remitir un escrito ao Presidente da Xunta de Galiza solicitándolle unha xuntanza para tratar as incertezas e amezas que pesan sobre o sector do aluminio e trasladar a preocupación dos traballadores/as ante as intencións da multinacional de pór á venda as plantas galegas.

O órgano de representación lembra que dita reunión xa fora solicitada en xuño pasado, mais non recibiu resposta por parte do Presidente Núñez Feijoo, a pesar do peso económico que a produción básica de aluminio ten para o noso país. Neste senso, o Comité reclama que, en caso de concretarse a intención de Alcoa, a Xunta de Galiza tutele o proceso de venda e entre como socio inversor significativo na industria.

Ao tempo, demandan do Goberno galega que evite a separación das plantas de alúmina e aluminio de San Cibrao, xa que manter a unidade actual é a única garantía da viabilidade do centro de traballo e do propio sector. E nesta liña, solicítase da Xunta que garanta en todo este proceso o  mantemento dos postos de traballo e das inversións coa creación dun plan industrial.

O Comité de San Cibrao ten pedido tamén dende a semana pasada unha reunión coa dirección do centro para que valore o resultado da poxa da interrumpibilidade que se está a celebrar, clarifique que plans ten o grupo para as fábricas galegas e revele dunha vez se continúa adiante co proceso de venda.

En canto á poxa, o Comité insiste en que, con independencia do resultado, "o futuro a medio prazo do complexo de San Cibrao está lonxe de despexarse". Nesta liña denuncian as perversións á que dá lugar o actual sistema de poxa, polo que solicitan da Xunta que traballe para conseguir unha tarifa eléctrica galega.