Comité de Atento manterá o calendario de mobilizacións mentres non se atendan as reivindicacións do persoal

A empresa propuxo unha mediación no AGA pero condicionada á suspensión dos paros
A Coruña - 08 Out 2018

Os traballadores e as traballadoras de Atento están a secundar este luns unha nova xornada de paros laborais e mobilizacións para demandar a empresa que dea resposta á táboa reivindicativa e en rexeitamento a súa actitude "chantaxista". A pasada semana, a dirección solicitou a mediación no organismo oficial de solución de conflitos, pero pondo como condición antes de sentar a negociar, a desconvocatoria dos paros. Dende o comité entenden que este "é un intento desesperado" da empresa para rematar coas protestas que se veñen desenvolvendo dende o pasado 28 de maio, polo que acordaron aceptar o proceso de mediación, mais mantendo as mobilizacións até acadar unha solución satisfactoria.

A este respecto, subliñan que o obstáculo para chegar a acordos non radica "en onde ou con quen nos reunimos, senón na obstinación da empresa para non resolver os problemas". Lembran que a plataforma reivindicativa trasladada hai xa varios meses non contempla ningunha medida inasumíbel para a Atento, senón actuacións "que nos permitan traballar con dignidade e que non nos despidan a dedo".

Entre outras, lembra a sección sindical da CIG, as demandas refírense ao cese dos despedimentos improcedentes e por coller dúas baixas de curta duración nun ano, negociar o calendario de vacacións, dar tempo suficiente entre chamadas e tempo administrativo para as xestións, ofrecer  formación axeitada, que as aplican funcionen correctamente ou mediar coa mutua para que deixe de presionar os traballadores e traballadoras para que acurten as súas baixas.

Concentración o día 10 na mutua

Para explicar os últimos movementos da empresa, aproveitando os paros da quenda de mañá e da tarde, o comité realizou asembleas informativas ás portas das oficinas de Atento. Nestas tamén se fixo un chamamento as traballadoras e traballadores para que participen na concentración convocada para este mércores 10 de outubro, ás 11 horas, diante da mutua Fraternidad.

Esta é a segunda protesta que convocan diante da mutua para esixirlle que "faga o seu traballo de prestarnos asistencia médica e deixen de presionarnos para que collamos a alta aínda que non esteamos ben".