O Comité de Defensa do Monte Galego convoca mobilizacións en Ourense para denunciar o abandono do medio rural

Tamén denunciará na Fiscalía a falta de plans de prevención de riscos e de material contra o lume

Vigo -

O Comité de Defensa do Monte Galego, do que fai parte a CIG, anunciou hoxe a convocatoria de mobilizacións en Ourense -a primeira foi este sábado día 20- para denunciar a situación que padece o medio rural por mor do abandono ao que o somete a Xunta do PP. Tamén adiantou que presentará un escrito na Fiscalía para que se depuren responsabilidades pola falta de plans de prevención de riscos e de material para o persoal encargado da loita contra os incendios forestais.

Representantes do Comité de Defensa do Monte Galego compareceron esta mañá en rolda de prensa en Ourense para presentar unha serie de protestas coas que pretenden amosar o seu rexeitamento ao abandono do medio rural por parte da Xunta do PP e manifestar “a nosa repulsa á lacra dos incendios forestais”. A primeira das mobilizacións consistirá nunha concentración no parque náutico de Castrelo de Miño este sábado 20 ás 18.00 horas. Ademais, nos vindeiros días concretarán unha nova protesta e diferentes actos a desenvolver na cidade de Ourense.

Ao mesmo tempo, anunciaron que presentarán un escrito na Fiscalía para que investigue si pode haber algún ilícito na inexistencia de plans de prevención de riscos e na falta de material para o persoal que traballa na loita contra o lume. Neste senso, amosaron o seu recoñecemento público á labor dos traballadores/as do servizo de defensa contra incendios forestais, “xa que sen a súa profesionalidade as consecuencias dos lumes serían catastróficas por culpa da nula planificación da Xunta”.

Nesta liña, citaron como exemplo o acontecido o pasado 20 de xuño cando o Comité organizou unha mesa redonda cos partidos políticos máis representativos que se presentaban as eleccións xerais para que explicaran o seu programa electoral con respecto ao medio rural galego e aos incendios forestais. “Finalmente participaron o BNG, PSOE e En Marea, xa que o PP nin se dignou a contestar á invitación”.

Recuperación das zonas queimadas

Dende o colectivo lembran que o número de hectáreas queimadas no que vai de ano supera as 10.000, “aínda que hai que ter en conta que a Consellería só informa dos lumes de máis de 20 hectáreas”. Ademais, algúns destes lumes afectaron a zonas especialmente protexidas, como foi o incendio declarado na Pobra de Trives, no Val da Navea, o primeiro paisaxe protexido de Galiza.

“Pero o máis preocupante non é so a falta de prevención dos incendios, senón que despois a Xunta non fai nada por recuperar os espazos queimados, tal e como sucedeu na Serra do Larouco, que ardeu en 2015 e onde a día de hoxe non se fixo ningunha actuación para a súa recuperación”, inciden.

Segundo denuncian, o que está a acontecer é consecuencia do abandono que padece o medio rural galego e o seu despoboamento, “algo do que é culpábel directo a Xunta do PP por non ten unha política de desenvolvemento rural e mesmo de sectores fundamentais para o país como gandeiría.

Falta de prevención

Tamén inciden na falta de prevención por parte da Consellería de Medio Rural, xa que os montes conveniados coa Xunta teñen unha superficie de máis de 300.000 hectáreas e tiñan un orzamento para facer prevención de 11 millóns de euros. “Mais o previsto para final de ano é que o investimento real sexa como máximo de 3,5 millóns de euros, o que supón o 30% do orzamentado”, censuran.

Para outros traballos, entre os que está incluída a reforestación, contémplase un orzamento de 65 millóns, pero como máximo ao final de ano vanse executar 20 millóns.

Por outra banda, poñen o acento na precarización do sistema de extinción de incendios e no feito de que se continúen a facer contratacións de brigadas a través dos Concellos e de empresas privadas. “Supostamente é para facer prevención, pero logo vemos que se contratan no mes de agosto, co que se demostra que a prevención non existe”.

Tamén lembran que osorzamentos públicos galegos reservan este ano máis de 170 millóns de euros para apagar incendios forestais, “mais en plena época de máximo risco os traballos de prevención están sen executar, os servizos forestais carecen de plan de prevención de riscos e contan cuns medios materiais e técnicos mínimos e obsoletos”.

Manipulación dos datos

Outro aspecto no que inciden dende o Comité ten que ver coa manipulación dos os datos sobre os incendios forestais por parte da Xunta. “Enchéselles a boca dicindo o número de brigadas que hai nun incendio, o que non din é por cantos membros están compostas esas brigadas”.

Finalmente, reiteran a necesidade de que se poña en marcha canto antes unha mesa de traballo no Consello Forestal de Galiza co obxectivo de abordar dunha vez por todas a problemática existente “dun xeito non partidista”.

Volver