O comité de empresa do servizo de limpeza da USC anuncia a impugnación dos pregos da contrata

Concentráronse esta mañá diante da Casa da Balconada en demanda do rescate da concensión
Compostela - 21 Feb 2018

Traballadoras e traballadores da concesionaria do servizo de limpeza da USC concentrábanse novamente este mércores, desta volta diante da Casa da Balconada –que alberga a Xerencia da USC- para demandar o rescate da contrata. No decurso da mobilización o representante da CIG, Anxo Noceda, anunciou que o comité vén de presentar un Recurso Especial diante do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais impugnando os pregos do actual concurso.

“A base do recurso é a demanda da supresión dos lotes”, explica Anxo Noceda, quen denuncia que “a actual normativa mesmo exixe que se motiven as razóns polas que se divide en lotes e isto non se reflicte en ningún punto das plicas”.

Xunto a isto, Noceda asegura que a división en lotes vai limitar “e mesmo conculcar” dereitos laborais recoñecidos na lexislación vixente, nos acordos ou no convenio, entre outros. Dereitos que “a curto e medio prazo foron vulnerados ou que se perderon en todas as contratas nas que até o de agora se produciu unha división en lotes”.

Advirte que hai persoal que vai pertencer aos dous lotes e que podería depender de dúas empresas distintas. A modo de exemplo pregúntase que ocorrerá se unha traballadora solicita un día de asuntos propios e unha empresa o concede e a outra non, algo que, di, “podería ocorrer sen problema ningún”. Do mesmo xeito sinala que se pode ver incrementada a xornada laboral sen que ese tempo sexa retribuído.

Rescate da contrata

Esta concentración insírese na campaña de mobilizacións acordadas polo persoal para demandar da Universidade de Santiago de Compostela o rescate da contrata, logo de que o pasado 31 de xaneiro se fixera público o novo concurso para a licitación da nova concesión, no que se contempla dividir en dous lotes o servizo.

A universidade xustificou nese momento esta decisión argüíndo que, deste xeito, xa se adiantan á aplicación da nova Lei 9/2017 de Contratos Públicos, publicada no mes de novembro pero que non entra en vigor até o próximo mes de marzo. Porén, a USC non tivo en conta que esa mesma lei, non obriga á división en lotes e que ademais no seu artigo 130.3, regula tamén o rescate, ou sexa, a reversión dun servizo privatizado á xestión directa por parte da universidade, que é o que demandan as traballadoras/es.

Rescate e subrogación do persoal

Por iso o persoal demanda non só que se suprima esa división en dous lotes, senón tamén que deixen de manter o servizo como privatizado. Unha decisión que depende, para Noceda, “unicamente da vontade da universidade” e que para executala só precisaría, atendendo á nova lei, da resolución do contrato. “En termos legais é posible resolver xa o contrato” explica e engade que “tería que agardar ao 9 de marzo a que entre en vigor a nova lei e que conxuntamente a universidade e o comité de empresa do persoal laboral da USC se reuniran para que se acorde a subrogación do persoal adscrito á actual contrata”.

Para avanzar nesa liña xa está solicitada tamén unha xuntanza co comité de empresa do persoal laboral da USC e agardan a confirmación dunha data.

O representante da CIG lembra que o propio Consello de Contas no seu informe de 2015 avaliaba que cando unha contrata pública non pode repercutir a terceiros o IVE –caso dos servizos de limpeza, xardinería, seguridade…- este ten que ser asumido pola administración. Isto supón un sobrecusto que se aforraría, no caso de rescatarse o servizo de limpeza da USC, xa que o IVE supera anualmente o millón douscentos mil euros. Isto xunto cos beneficios que se leva a empresa concesionaria pola prestación do servizo.

Diante da falta de resposta da USC xa anunciaron que continuarán as mobilizacións e xa teñen convocada unha nova concentración para o vindeiro venres día 23 de febreiro, ás 17:30 horas, diante do Reitorado.