O Comité de Extel e A Mesa presentan mocións nos concellos para garantir a atención desde Galiza e en galego

Iniciarán tamén una recollida de sinaturas de apoio tanto nas rúas como a través das redes

A Coruña -

O Comité de empresa de Extel na Coruña e A Mesa pola Normalización Lingüística presentarán a todos os concellos galegos unha proposta de moción con tres puntos para garantir a continuidade dos postos de traballo nos centros de chamadas en Galiza, en risco neste momento polo expediente de regulación de emprego presentado en Extel.

Na última década os centros de atención á clientela na Galiza foron pechando en canto as empresas centralizaron o servizo en grandes centros de traballo. Desde o estoupido da crise, as grandes empresas incrementaron a deslocalización dos servizos de atención cara a terceiros países. En Galiza, esta deslocalización acompañada de despedimentos agravouse polo uso exclusivo do castelán nas relacións comerciais.

"Só entre os ano 2010 e 2012 destruíronse máis de 2.040 postos de traballo, que se manterían en Galiza de existir opción de galego ao ser o persoal de Galiza o mellor cualificado para ofrecelo. O galego é a mellor garantía de emprego", subliñan dende A Mesa.

No caso concreto de Extel, empresa dedicada a atender o servizo 1004 de información ao/á cliente/a de Movistar, un ERE que, na última proposta da empresa na mesa de negociación contempla o despedimento de 165 traballadoras e traballadores da Coruña. Este ERE responde a unha clara estratexia de deslocalización que pasa por desmantelar o centro de Galiza e cubrir o 1004 desde Bucaramanga, en Colombia, onde xa comezaron a atender as chamadas.

O texto da moción, que xa foi remitido a todos os partidos, concellos e á FEGAMP, solicita dos concellos que manifesten o seu apoio ás reivindicacións das traballadoras e traballadores de Extel; reclamar a Movistar que garanta en todos os casos os postos de traballo na Coruña e por tanto  a atención en galego; e transmitirlle a Movistar que no caso de non atender esta demanda, o concello trasladará a súa oferta a calquera outra compañía que garantir a atención en galego desde Galiza.

Ademais comezarán un proceso de recollida de sinaturas tanto nas rúas de toda Galiza como a través da rede, solicitando o apoio cidadán á moción.

Pincha aquí para asinar a iniciativa

Volver