Comité de Ferroatlántica esíxelle á dirección que proceda á inmediata negociación do convenio

Lembran que a lexitimación para negociar correspóndelle en exclusiva á representación legal do persoal

Cee -

Este venres tivo lugar na fábrica de Ferroatlántica de Brens unha xuntanza entre o comité e a empresa para avanzar na negociación do convenio colectivo deste centro de traballo, actualmente en vigor e en proceso de renovación. Non obstante, denuncian, "a actitude da dirección foi en todo momento a de boicotear o proceso", chegando a pór en cuestión a legalidade e a lexitimidade do comité para negociar o convenio.

Nun exercicio de prepotencia, a dirección chegou a pór en cuestión a legalidade e a lexitimidade do comité para negociar o convenio"

Nun exercicio que cualifican "de absoluta prepotencia", a dirección da empresa "advertiu do risco de impugnacións" por parte de terceiros (aínda que non aclarou a quen se refería) de continuar coa negociación. Fronte a isto, a parte social lembroulle que, segundo o recollido no Estatuto dos Traballadores e Traballadoras, "a lexitimación para a negociación do convenio colectivo correspóndelle exclusivamente á representación legal do persoal, é dicir, ao comité de empresa".

Para o comité, este intento de bloqueo é consecuencia directa do asinamento do chamado Acordo Marco para a regulación das relacións laborais e diferentes empresas do Grupo Ferroatlántica, a través do que a multinacional pretende deixar sen efecto os actuais convenios en vigor -como o que regula as relacións laborais nas fábricas de Cee e Dumbría e nas Centrais Hidroeléctricas-, para centralizar e trasladar a negociación colectiva a Madrid.

Ámbito este, subliñan, onde a representación legal dos diferentes centros de traballo e os propios traballadores e traballadoras non teñen capacidade directa de control e supervisión do que alí se negocia.

Ademais, afastar a negociación colectiva dos centros de traballo "non garante que as condicións laborais e sociais de cada cadro de persoal teñan unha solución acorde coas súas necesidades".

Conivencia das centrais españolas

Este intento de bloqueo é consecuencia directa do asinamento do Acordo Marco, en Madrid"

Unha vez máis, dende o comité rexeitan "a actitude servilista e a conivencia" amosada polas centrais sindicais españolas UGT e CCOO, que se prestaron a asinar un acordo que pasa por enriba da lexitimidade negociadora dos comités  de empresa e os/as delegados/as de persoal legalmente elixidos. "E o que é máis grave, tiveron a ousadía de iniciar unha negociación e ratificar un acordo que afecta  a miles de traballadores/as sen consultalos nin solicitar a súa autorización".

Dende o comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas chaman á dirección a non adoptar posicións que atenten contra a máis xenuína manifestación da liberdade sindical, "que é o dereito á negociación colectiva por parte deste comité". E, polo tanto, que se proceda de inmediato a dar realidade á negociación do convenio colectivo.

Volver