O Comité de Ferroatlántica convoca folga e manifestación en Santiago para o sábado 8 de xullo

Fronte común de alcaldes e persoal para esixir a Xunta que non autorice a segregación de actividades
Cee - 30 Mai 2017

O Comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas quere informar do novo calendario de mobilizacións, consensuado con todos os alcaldes da comarca, en rexeitamento á segregación das actividades que pretende a empresa e para esixir da Xunta de Galiza a non autorización da mesma. Un calendario reivindicativo que inclúe a convocatoria dunha nova xornada de folga de 24 horas nas fábricas e nas centrais para o vindeiro sábado 8 de xullo.

Aínda que falta por concretar a hora, ese mesmo día, pola tarde, está previsto realizar unha manifestación en Santiago de Compostela, para trasladar á Xunta de Galiza o clamor unánime da comarca á segregación das actividades e á venda das centrais. Dende a representación social faise un chamamento a toda a veciñanza da Costa da Morte a acudir masivamente ese a día á capital galega, "e demostrar así que a comarca nin está disposta a someterse á chantaxe de Villar Mir nin vai tolerar que a Xunta cometa unha ilegalidade e unha inxustiza coa nosa bisbarra".

Ademais da folga e da manifestación, nos días previos grupos de traballadores e traballadoras realizarán en varias etapas unha marcha a pé dende a fábrica de Brens até Santiago de Compostela. Está previsto que a andaina comece o xoves 5 en Cee e chegue á capital galega o sábado pola mañá.

Fronte común de alcaldes e Comité

Así mesmo, informaron que o Comité mantivo unha xuntanza na tarde de hoxe cos alcaldes dos concellos de Dumbría, Cee, Vimianzo, Mazaricos, Carnota, Corcubión, Fisterra, Muxía, Zas e Camariñas, para abordar a situación actual e acordar unha fronte común de actuación.

Nesta reunión o Comité e os alcaldes, ademais de consensuar as mobilizacións, asinaron un manifesto conxunto, que remitirán á Xunta de Galiza, no que amosan o rexeitamento á segregación das actividades e solicitan a non autorización da mesma. Ao tempo, reclaman que os beneficios xerados pola explotación dos recursos naturais se reinvistan na comarca, porque "a industrialización e inversión na comarca é unha demanda histórica, de xustiza social pola espoliación dos nosos recursos naturais".

A este respecto, lembran que Ferroatlántica explota recursos naturais de Galiza, beneficiándose de concesións públicas que están supeditadas ao mantemento e xeración de postos de traballo, así como da declaración de utilidade pública, que foi a base para a expropiación de terreos (de maneira forzosa) para a construción das centrais hidroeléctricas.

"É firme e decidida a nosa unión para reclamarlle a Ferroatlántica e a Xunta de Galiza que, por unha banda, desista das súas intencións de venta das centrais, e por outra, que calquera plan industrial, inversións e, polo tanto, xeración de emprego no futuro, non estean supeditados en ningún dos casos á venta das centrais hidroeléctricas nin á segregación de actividades", asevérase no documento.

Engaden que, a pesar do manifestado por Ferroglobe para intentar conseguir o apoio socio-político ás súas pretensións, a segregación das dúas actividades "na práctica suporía a desaparición do tecido produtivo máis importante de carácter industrial vinculado ao noso territorio, coa consecuencia negativa sobre o emprego e o resto dos sectores, fundamentalmente o sector servizos".

A unidade produtiva é unha obriga legal

No manifesto conxunto sublíñase que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única e é unha obriga legal, a pesar de que a empresa faga unha terxiversación da historia que vincula as dúas actividades, situándoa no ano 1992, momento no que Ferroatlántica (do Grupo Villar Mir) adquire o complexo industrial.

Xa daquela, a empresa intentara a mesma operación de segregación de actividades, iniciando mesmo procesos xudiciais que derivaron nas sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e do Tribunal Supremo nas que ratificaban a vinculación das actividades, pois a concesión dos aproveitamentos hidráulicos vinculouse sempre a produción de ferroalixes para o mantemento dos postos de traballo.

Comité e alcaldes apuntan que, recentemente, tamén foi aprobada en sede parlamentaria, por unanimidade, unha proposición non de lei para evitar a segregación das actividades. Aprobouse ademais unha declaración institucional por parte da Deputación da Coruña e, en diferentes concellos da comarca, aprobaron dita declaración en sesión plenaria.

Finalmente, reiteran que "a única garantía de emprego, como salvagarda do interese público, pasa por respectar o actual marco legal que non é outro que a vinculación das actividades de xeración eléctrica e ferroaliaxes".