O Comité de Ferroatlántica lamenta a ambigüidade de Feijoo e pídelle que acelere a reunión con Industria

O persoal conseguiu manter unha xuntanza co Presidente da Xunta ás portas do Parlamento
Santiago - 22 Feb 2017

O Comité de Ferroatlántica  Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas demandou este mércores do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, unha declaración contundente de que a Xunta non vai autorizar a venda das centrais hidroeléctricas e a segregación de actividades, así como que interveña para acelerar a reunión que a representación do persoal ten solicitada co conselleiro de Industria "de cara a facer fronte común contra as pretensións da empresa".

O encontro, forzado e de carácter informal, produciuse ás portas do Pazo do Hórreo e só foi posíbel porque o Presidente non logrou eludir os traballadores, que de xeito contundente lle trasladaron as súas reivindicacións. Neste marco, Feijoo confirmou que a administración galega non recibiu aínda ningunha proposta da empresa, e que, de habela, a Xunta valorará -en base ao plan industrial presentado- se respecta o interese público e se garante o emprego. Iso si, matizou, cumprindo sempre coa legalidade.

Unhas declaracións que o Comité cualifica de ambiguas e insuficientes, xa que só axudan a xerar máis dúbidas sobre o posicionamento do Goberno galego ás pretensións de Ferroatlántica e ao futuro das centrais e as fábricas da Costa da Morte. Fronte a isto, o Comité ofreceuse a traballar nunha fronte común coa Xunta para impedir a venda das centrais e negociar un plan para a comarca sobre a non venda e a non segregación das actividades.

Finalmente, o Presidente da Xunta comprometeuse a axilizar a reunión que o Comité ten solicitada co Conselleiro de Industria.

Reunión cos/as voceiros/as dos grupos parlamentares

Previamente, a representación social reunírase cos/as voceiros/as dos grupos parlamentares a quen lle trasladaron a vontade do Comité ao diálogo e a negociar con Ferroatlántica un verdadeiro plan industrial, "que deberá asentarse sobre a base previa, clara e inequívoca de respecto ao actual marco legal, e polo tanto, desistindo a empresa da venda das centrais hidroeléctricas e asumindo a non segregación das actividades de produción de enerxía e ferroaliaxes". O financiamento deste plan, engaden, debe abordarse principalmente a través dun plan plurianual de reinversións dos beneficios que as centrais hidroeléctricas lle reportan ao grupo empresarial Villar Mir.

Dende a representación do persoal trasladaron tamén a preocupación pola iniciativa aprobada hoxe en Pleno do Parlamento que deixa a porta aberta traballar con Ferroglobe "para conseguir o desenvolvemento dun Plan de modernización das súas fábricas en Galiza que conte co máximo respaldo social e sindical".

Aproveitando a circunstancia, o voceiro do PP sacou a relucir ao acordo asinado na factoría de Arteixo, ao que un representante da CIG no Comité de Ferroatlántica Sabón respondeu que dito acordo non conta co apoio unánime do Comité, xa que a central nacionalista nin asinou o documento, nin avalará ningún proxecto industrial baseado na venda das centrais e a segregación de actividades.

Neste senso, a representación sindical aseverou  que "quen queira defender e pór algo en boca do Comité que o faga coas palabras do Comité: todo diálogo e negociación dun plan industrial será sobre o respecto ao marco legal e polo tanto a non venda nin segregación".

Folga o 10 de marzo

O Comité tamén aproveitou a xuntanza para anunciar a convocatoria de folga do venres 10 de marzo e pedir o apoio dos grupos políticos á manifestación convocada para ese día. "Seguiremos coas mobilizacións até que a empresa desista da venda das centrais", concluíron.