O Comité de Ferroatlántica presenta as alegacións á solicitude de segregación e venda das centrais

Grupo Villar Mir oculta á Xunta que o verdadeiro obxectivo é obter cartos para afrontar a avultada débeda
A Coruña - 23 Xun 2017

O Comité de Ferroatlántica compareceu en rolda de prensa este venres para dar a coñecer as alegacións ao trámite aberto na Xunta por Ferroatlántica solicitando a autorización administrativa para o cambio de cotitularidade e a supresión da prohibición de segregación de actividades. As alegacións, ao igual que o informe técnico-xurídico previo, foron supervisadas polo profesor titular de dereito administrativo e Secretario Xeral da UdC, Carlos Aymerich, encargado de debullar polo miúdo o contido do documento.

No mesmo desmóntanse as teses que a empresa esgrime para xustificar á súa solicitude: a desaparición do interese público e a suposta posta en risco do réxime de interrompibilidade. Xunto a isto, aínda que de xeito indirecto, a empresa tamén insinúa que a cláusula de non segregación resultaría contraria ao principio de liberdade de empresa.

A este respecto, o profesor de dereito matizou que Ferrotlántica non solicita a anulación das cláusulas, senón a revogación parcial da concesión en vigor, "isto é, a supresión da cláusula de non segregación – negando o seu carácter esencial – e o mantemento do título en todo o demais". E solicita revogación, explicou, porque "ao existir sentenza xudicial firme do TSXG avalando a legalidade da cláusula non pode pedir, outra vez, a anulación da mesma".

"É máis, apuntou, fronte ao que se asevera no informe da empresa, a Xunta non ten obriga legal ningunha de acceder á solicitude. Se autoriza esta modificación será por unha decisión política. E, en todo caso, esta decisión política tería consecuencias xurídicas, entre elas, que o grupo Villar Mir non podería manter a concesión dos aproveitamentos e decidir sobre a venda das centrais como se fora o propietario dos ríos".

Ademais, de suprimirse a prohibición de segregar actividades, a Xunta debería achegar unha sólida xustificación de cal é o interese público que xustifica acceder á petición da empresa, "cando o que está en xogo é o futuro do emprego e da actividade das fábricas da Costa da Morte".

Neste senso, Alfonzo Mouzo, membro do Comité, advertía: "levamos moitos meses pelexando porque sabemos que se lle permiten a Ferroatlántica vender as centrais, as fábricas pechan automaticamente, que a ninguén lle quede dúbida".

Sobre a presunta desaparición do interese público

Entrando a analizar os argumentos da empresa, no referido ao suposto cambio de circunstancias e a desaparición do interese público que fundamenta a cláusula de non segregación, Aymerich subliñou que a empresa non achega, na documentación remitida á Xunta, "datos nin evidencias concluíntes" que xustifiquen esta inversión. De feito, por máis que Ferroatlántica llo tente ocultar á Xunta de Galiza, a natureza cíclica e complementar de ambas as dúas actividades é a que xustifica o seu mantemento.

Tanto é así, que o propio grupo empresarial recoñece na información aos seus accionistas e aos organismos bolsistas, que a venda das centrais impactaría negativamente na continuidade da actividade de fabricación de ferroaliaxes ao incrementar a súa exposición a futuros incrementos dos prezos enerxéticos.

"O interese público que xustificou a inclusión da cláusula de vinculación societaria segue plenamente vixente. E este interese público lexítimo non é outro que o mantemento do emprego e da actividade industrial de ferroaliaxes na Costa da Morte, máis concretamente, nos centros de Cee e Dumbría", asegurou o profesor universitario.

En canto ao argumento do suposto risco que a vinculación de actividades pode supor para que a empresa se beneficie do réxime de interrompibilidade, as alegacións son contundentes: o que verdadeiramente supón un risco "non é a cláusula de vinculación societaria que a empresa quere eliminar – cuestión absolutamente allea á normativa eléctrica pola que se rexe o indicado réxime – senón a deficiente xestión empresarial".

O que a empresa quere ocultar á Xunta

No argumentario faise un repaso tamén por todas as contradicións nas que cae a empresa ao tentar xustificar a súa operación. Entre outras incongruencias destaca o feito de Ferroatlántica afirmar que a venda se quere facer para obter recursos cos que financiar un plano industrial que asegurará o emprego e a actividade industrial non só na Costa da Morte, mais tamén noutras comarcas de Galiza e mesmo do estado; ao tempo que traslada aos seus accionistas e ás entidades reguladoras como verdadeira causa da venda das centrais, reducir o apalancamento financeiro do grupo e facer fronte á súa avultada débeda.

"Semella difícil conxugar ambos obxectivos. E a empresa sábeo: por iso tenta ocultar á Xunta de Galiza, na súa solicitude e no ditame que a acompaña, calquera referencia á verdadeira finalidade da venda das centrais, isto é, a declarada aos accionistas e aos reguladores. Mais a Xunta debe ter isto en conta".

O papel da Xunta

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tamén estivo presente na rolda, afeou a ambigüidade que a Xunta vén amosando dende que Ferroatlántica fixo públicas as súas intencións de vender as centrais. Reiterou que resulta fundamental que os beneficios xerados polas concesións hidroeléctricas revertan na xeración de emprego e riqueza na comarca.

Pero para isto, "as pretensións de Villar Mir esixen dunha actuación contundente do presidente da Xunta, que debe dar unha reposta inmediata, porque canto máis dilata a resolución, máis amparo lle dá a empresa e maior incerteza xera na comarca. Feijoo non pode seguir escondéndose no bandeira da legalidade. Está demostrado que a legalidade xa a temos da nosa man, o que pedimos é xustiza", asegurou. "Cómpre ter un presidente da Xunta que actúe no ámbito político con toda xustiza e en defensa dos intereses do noso país".

Manifestación e folga o día 8 de xullo

Á espera do que aconteza nos próximos días, (a decisión da administración galega deberíase coñecer antes de rematar xuño), os traballadores e traballadoras de Ferrotlántica xa teñen convocada folga nas centrais e fábricas para o sábado 8 de xullo. Ese día toda a comarca da Costa da Morte está chamada a secundar masivamente unha manifestación en Santiago de Compostela para demostrar o rexeitamento á venda das centrais hidroeléctricas e demandar da Xunta que non autorice a segregación de actividades. Previamente, o persoal fará unha marcha a pé en varias etapas, con saída o 5 de xullo dende Cee.