O comité de Ferroatlántica reclámalle á Xunta que obrigue a empresa a cumprir cos compromisos de contratación

Mantiveron un encontro co delegado territorial da Coruña e co xefe de Industria na provincia

Cee -

O comité de Ferroatlántica Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas mantivo este xoves unha reunión co delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o xefe territorial da Consellaría de Industria, Isodoro Martínez, para informarse sobre os trámites para a autorización das tres novas minicentrais solicitadas pola empresa.

No encontro, a representación do persoal trasladou a súa preocupación pola falta de cumprimento dos compromisos de contratación adquiridos por Ferroatlántica, que no seu día asegurou que con esas novas instalacións se produciría, cando menos, un incremento dos postos de traballo nas centrais de entre o 10% e o 15%, dun cadro de persoal de máis de 35 traballadores/as.

Pois ben, coas minicentrais en fase de proba e pendentes da autorización definitiva, non só non se aumentou o emprego, senón que se está a recortar, xa que a empresa nin sequera cubriu as dúas xubilacións que se produciron nos últimos meses. Ademais, Ferroatlántica comezou a substituír operarios/as de mantemento propios por persoal de subcontratas, co único obxectivo de rebaixar condicións laborais e salariais.

A Xunta debe defender a creación de emprego

Fronte a isto, dende o comité lembráronlle aos responsábeis políticos a necesidade de que a Xunta prime a creación de emprego á hora de autorizar concesións administrativas, especialmente cando falamos dun dos ríos máis sobreexplotados de Galiza e dunhas instalacións construídas nunha zona do caudal de especial interese natural e paisaxístico.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta e o xefe da Consellaría de Industria na Coruña comprometéronse a dar traslado ao conselleiro destas cuestións para que faga as xestións oportunas coa empresa. A este respecto, o comité sinalou que a xuntanza fora solicitada en orixe co propio Francisco Conde, pois xa ficara pendente (dende o conflito xurdido a raíz das pretensións de Ferroatlántica de segregar e vender as centrais hidroeléctricas) unha reunión co conselleiro para informar da resolución definitiva da Xunta.

Volver