O comité de folga dos axentes forestais e ambientais abandona a mesa de negociación ante a falta de propostas da Xunta

O colectivo continúa co paro indefinido, agás o persoal de Conservación da Natureza

Nacional -

O comité de folga dos axentes forestais e ambientais da Xunta (CIG e UGT) levantáronse hoxe da mesa de negociación ante a negativa da Dirección Xeral da Función Pública a incorporar as súas demandas ao acordo laboral que regule as súas condicións de traballo. Arredor de 200 persoas concentráronse no exterior do edificio durante a xuntanza, onde celebraron unha asemblea na que apostaron por continuar co paro indefinido iniciado o pasado día 1, a excepción do persoal do Servizo de Conservación da Natureza, que adiou a folga e que estudará en asemblea o xeito de materializala sen poñer en risco a súa seguridade.

Dende o comité de folga volveron cargar hoxe contra a actitude da Administración, á que acusan de falta de vontade negociadora e de intentar boicotear tanto a mobilización de hoxe como a celebración da asemblea, xa que minutos antes do inicio da xuntanza comunicou o cambio de ubicación da mesma, pasando de San Caetano á Escola Galega de Administración Pública (EGAP). Isto obrigou a variar a planificación do comité de folga, que optou por trasladar a protesta e a asemblea, para a que solicitaron unha sala no edificio da EGAP, “que por casualidade se atopa en obras”.

Neste senso, denuncian que posteriormente tiveron coñecemento de que o lugar onde se celebrou a reunión xa fora reservado a semana pasada, “o que demostra que a Xunta o único que pretende é boicotear as mobilizacións e ten pouca vontade de chegar a un acordo que permita rematar co conflito”.

De feito, critican que durante o encontro coa representación do persoal os responsábeis da Administración non presentaron ningunha proposta nova, “cando a semana pasada xa dixemos que a anterior era insuficiente”, e limitáronse a solicitar as achegas dos traballadores/as.

Tal e como indican dende o sector de Autonómica da CIG-Administración, a xuntanza comezou ás 11:00 horas, "mais ás 13:00 horas os representantes da Xunta aínda non falaran, en parte porque os interlocutores de CCOO se estenderon excesivamente (os da CSIF xa non apareceron por segunda reunión consecutiva), nunha clara estratexia para facerlle o xogo á Administración”.

Actitude desmobilizadora

Segundo sinalan, o obxectivo desta actitude era desmobilizar os traballadores/as que se atopaban no exterior do edificio (moitos/as tiñan que traballar ás 14:00 horas, xa que non hai que esquecer que os servizos mínimos son do 100%) e impedir que se celebrase a asemblea, “porque obviamente non tiñamos nada que analizar xa que non había nova proposta”.

Ás 13:00 horas fíxose un receso, e ás 14:00 horas decidiron levantarse da mesa ao ver que non había novas propostas e que non se recollían as achegas presentadas polo comité de folga. Ademais, actitude dos representantes da Administración deixaba ver que non estaban dispostos a ceder.

En concreto, mantense un exceso horario en cómputo anual, a duración da quenda segue a ser de 12:00 horas, auméntanse de 7 a 10 as horas de traballo durante o inverno, non se desenvolve a segunda actividade e non se comprometen a instar a solicitude de coeficientes redutores. Tampouco se contempla a posibilidade de permitir a conciliación familiar nin un aumento do complemento específico que teña en conta a penosidade, toxicidade, turnicidade e especial responsabilidade dos axentes.

A continuación os traballadores/as celebraron unha asemblea na rúa para analizar o sucedido, apostando por continuar coa folga indefinida iniciada o pasado día 1, a excepción do persoal do Servizo de Conservación da Natureza, adscritos á Consellaría de Medio Ambiente (uns 150 do total de 550 axentes forestais e ambientais que traballan nas Consellarías de Medio Rural e Medio Ambiente), que adiou a folga e que estudará en asembleas simultáneas en todos os distritos o xeito de materializala sen poñer en risco a súa seguridade. Non hai que esquecer que os servizos do 20% decretados neste servizo supoñen unha única persoa por zona ao día, cando se trata dos único servizo no que se traballa en parella.

Volver