O comité de Maderas Iglesias urxe a Xunta a implicarse co futuro da empresa

Denuncian que a compañía do Porriño, que confirmou que non ten pedidos, incumpre o pactado no ERE
O Porriño - 07 Feb 2018

O comité de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante que se atopa nunha situación crítica, reitera a necesidade de que a Xunta de Galiza se implique canto antes para garantir a continuidade da compañía. Denuncian que a dirección, que onte lles confirmou que non teñen pedidos de clientes, está a incumprir o pactado no ERE.

Dende o comité, presidido pola CIG, explican que tiveron que solicitar por terceira vez unha reunión cos responsábeis autonómicos para que expliquen as xestións que están a facer co obxectivo de salvar a empresa, “porque seguen se comunicarse con nós para informarnos dos contactos realizados”. Neste senso, sosteñen que cada día que pasa se fai máis urxente intentar atopar unha saída, “xa que despois da xuntanza que mantivemos onte coa empresa confírmase o deterioro progresivo e acelerado de Maderas Iglesias”. 

O empresa pechará os centros de traballo de Puxeiros e Sanguiñeda

De feito, a dirección confirmoulles que a partir d 31 de marzo pechará dous dos tres centros de traballo: Puxeiros e Sanguiñeda, que quedarán sen actividade produtiva de calquera tipo. “Ademais quedounos claro que non teñen ningunha perspectiva de futuro nin contan con carteira de pedidos, e anunciaron que os traballadores/as que están no ERE serán chamados segundo as necesidades de produción”.

Incumpre o ERE

Isto significa que incumpren o pactado no ERE, xa que ningún empregado/a debera estar máis de 14 días ao mes no desemprego. “Polo tanto, vémonos na obriga de comunicarlle á Administración que a empresa incumpre os termos do ERE”.

Na xuntanza de onte a dirección tamén confirmou de xeito oficial que renuncia a presentar o ERE extintivo, algo que para o comité demostra unha vez máis a falta de criterio dos responsábeis da empresa, “xa que primeiro apremiaban para presentalo e agora retírano sen que conste que teñan carga de traballo nin pedidos”. De feito, a compañía non conta con ningún cliente externo e acumula seis meses sen pedidos. “Os únicos traballos que se fan son para outras empresas do propietario de Maderas Iglesias ou da súa familia”.

Finalmente, a representación sindical adianta que os traballadores/as continuarán coa campaña de mobilizacións e coas xestións institucionais. Esta mesma semana presentarán novas mocións aos plenos dos Concellos nos que residen empregados/as de Maderas Iglesias solicitando o apoio das corporacións ás súas reivindicacións e reclamando a intervención da Xunta.