O comité de Povisa advirte que a sobrecarga de traballo do persoal provoca perda de calidade asistencial no centro

A representación dos traballadores/as do hospital vigués denuncia que o aumento de usuarios/as non se compensou con máis empregados/as
Vigo - 22 Mar 2016
O comité de empresa do hospital Povisa de Vigo vén de denunciar unha merma na calidade asistencial no centro médico a causa da sobrecarga de traballo que padece o cadro de persoal despois de que o aumento dos usuarios/as experimentado dende o pasado mes de decembro non fose compensado cun incremento do número de traballadores/as.

A representación dos empregados/as do centro médico vigués sostén que esta situación é consecuencia tamén da modificación de funcións do persoal auxiliar e da desaparición da figura do celador/a. “Ademáis das reducións de xornada e das penosas quendas de traballo, agora atopámonos cunha sobrecarga de traballo non só do persoal auxiliar, senón tamén do resto de categorías”. Neste senso, critican que o incremento de usuarios/as que tivo lugar dende o pasado mes de decembro non viñese acompañado dun aumento do cadro de persoal.

Dende o comité de empresa de Povisa lembran que presentaron varias denuncias no Servizo de Inspección de Servizos Sanitarios, na subdirección xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación da Consellería de Sanidade e na EOXI de Vigo manifestando “a merma da calidade asistencial sanitaria prestada polo hospital á poboación protexida polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a que é centro de referencia”.

Nas denuncias poñíase en coñecemento o incremento da carga laboral á que están sometidos/as os traballadores/as do centro, xa que “estes feitos obxectivan a dificultade para ofrecer a mesma atención aos doentes que deriva o Sergas a Povisa por non dispor dos medios humanos necesarios para a correcta prestación do servizo, o que supón un incumprimento por parte de Povisa do acordo de xestión acadado co Sergas”.

Finalmente, a representación dos traballadores/as indica que se decisiu a trasladarlle á opinión pública esta situación unha vez que non obtivo unha resposta satisfactoria por parte dos mencionados estamentos, “o que nos fai preguntarnos pola causa de tan pouco interese en investigar os feitos aquí manifestados”.