O comité de Povisa péchase no Sergas en Vigo para denunciar os problemas derivados da falta de persoal

Solicitou unha xuntanza cos responsábeis do organismo ante a falta de resposta aos seus escritos
Vigo - 24 Nov 2017

A maioría do comité de empresa do hospital Povisa ocupou hoxe as dependencias da delegación do Sergas en Vigo para denunciar a problemática derivada da escaseza de persoal no centro sanitario. A representación dos traballadores/as solicitou unha xuntanza cos responsábeis autonómicos para abordar a falta de resposta do organismo aos escritos remitidos hai un mes nos que se detallaban as consecuencias negativas desta situación sobre a asistencia sanitaria, solicitude que tampouco foi atendida.

Unha representación do comité de Povisa accedeu pasadas as 11:00 horas ao interior do edificio do Sergas, onde permaneceu até as 13:00 horas coreando consignas tras despregar unha faixa “Polo mantemento dos postos de traballo. Povisa/Sergas solución”. Os berros máis escoitados durante a protesta foron “Povisa culpábel, Sergas responsábel”, “En Povisa, falta persoal” ou “Os cartos onde están? Nos petos de Silveira!” [en referencia ao convenio asinado entre o Sergas e Povisa, hospital privado propiedade de José Silveira].

Ao mesmo tempo, solicitaron unha xuntanza cos responsábeis do departamento autonómico, reunión que finalmente non se chegou a producir porque supostamente ningún/ha deles/as se atopaba neses momentos no edificio. “Volveremos, oeeee, volveremos, oeeee” foi a resposta dos concentrados/as. De feito, ao remate da mobilización anunciaron que nos vindeiros dúas desenvolverán novos actos de protesta até que o Sergas lles resposte os escritos remitidos hai máis dun mes nos que detallaban os problemas derivados da falta de persoal en Povisa.

Problemas en todas as plantas

En concreto, sinalan que a escaseza de traballadores/as está a provocar incidencias en todas as plantas do centro e afecta negativamente a atención sanitaria. “A situación é consecuencia das reducións de xornada aplicadas hai tempo e do establecemento dunhas 'horas mortas' nas que por exemplo se reducen as técnicas/os en coidados de enfermaría (Tecae), dándose casos nos que unha soa persoa ten que atender dous controis e facer cambios posturais, que ás veces quedan sen facer”.

Departamentos como o de queimados/as contan cunha única/o enfermeira/o por quenda, “polo que se se ten que ausentar un momento no seu lugar queda unha tecae ou a supervisora”. De igual xeito, en Urxencias só hai un celador/a, “cantidade insuficiente para atender o volume de traballo que se produce”.