O comité de Vitrasa inicia mobilizacións ante a falta de respostas da empresa

Os representantes do persoal aseguran que comeza a conta atrás para que se negocien as súas demandas
- 21 Set 2018

Despois de tres semanas de denunciaren publicamente a degradación das condicións laborais no servizo público de transporte urbano de Vigo e de contratacións fraudulentas por parte da empresa, sen obteren ningunha resposta, o comité de Vitrasa deu inicio a unhas mobilizacións que procuran que a empresa se sente a negociar.

Este xoves 20 de setembro decorreu a primeira das protestas, que consistiu no despregue dunha faixa reivindicativa ás portas das instalacións da empresa, outorgando á dirección unha nova oportunidade para abordar as demandas antes de escalar as mobilizacións.

O comité sinala, así mesmo, que fixo entrega dunha nota dirixida ao Concello de Vigo onde se denuncian as ilegalidades cometidas e solicita a súa implicación de cara á mediación coa empresa. Advirten de que se para a semana vindeira non se desen pasos de cara á resolución do conflito, simultanearían concentracións ante a sede municipal -dando inicio o 27 de setembro- e na da propia Vitrasa.

Se todo isto non fructifica, formularían ante a asemblea de traballadores/as do vindeiro día 29 de setembro a necesidade de incrementar as accións, sen descartar ningunha posibilidade. Sobre a mesa está a necesidade de resolver as irregularidades en eventualidade, horarios de percorrido, uniformidade, horas extra ou baños, entre outras.

Indican finalmente, e de cara á veciñanza de Vigo, que están a esgotar todas as vías posíbeis de diálogo “antes de que nos aboquen a deter un servizo tan esencial como é transporte público da cidade”.