O comité de Vitrasa rebélase contra as sancións “arbitrarias” da empresa

Delegados/as da concesionaria do transporte municipal vigués mobilizáronse diante do Concello

Vigo -

O comité de empresa de Vitrasa, concesionaria do transporte municipal de Vigo, iniciou hoxe unha campaña de mobilización para denunciar que a empresa está a aplicarlles sancións “moi graves e de xeito arbitrario” a condutores/as que teñen accidentes de tráfico. Dende a representación dos traballadores/as lembran que os incidentes de circulación “desgraciadamente forman parte do noso traballo diario”.

Membros do comité de empresa de Vitrasa (4 CCOO, 3 CIG, 3 UGT e 3 USO) desenvolveron unha concentración ás portas do Concello para rexeitar a política de sancións que está a aplicar a empresa a algúns condutores/as que sofren accidentes de tráfico e para denunciar que a dirección as considera “moi graves”, polo que poden supoñer un despedimento procedente se suman a outra sanción leve. Ao mesmo tempo, critican que as sancións sexan consideradas “moi graves” independentemente da gravidade do accidente e que se lles aplique “de xeito arbitrario” a uns empregados/as e a outros non. 

No último mes a empresa aplicou tres sancións

Lembran que no último mes rexistráronse tres sancións deste tipo, polo que o cadro de persoal síntese cada vez máis presionado. “Ao stress diario que padecemos temos que sumar agora esta cuestión, polo que nos atopamos cunha espada de Damocles enriba de nós”.

Diante disto, anuncian que continuarán coas protestas até que a empresa dea marcha atrás, xa que até o de agora unicamente accedeu a rebaixar a duración das sancións sen emprego nin soldo. “O que queremos é que lle retiren a cualificación de moi graves ás sancións derivadas dos accidentes de tráfico, porque poden supoñer despedimentos”, rematan.

Volver