Persoas residentes e traballadoras do CAMF de Ferrol volverase mobilizar ante a inacción do Imserso

Esixen máis persoal, unha reforma integral das instalacións e garantir a calidade asistencial
Ferrol - 28 Xun 2022

A Asociación de Persoas Residentes do CAMF de Ferrol (ACAFE) e o comité do persoal laboral da Administración xeral do estado (AXE) teñen convocada unha nova concentración para o xoves 30 de xuño, ás 12 horas, diante do Centro de Atención a Persoas con Diversidade Funcional de Ferrol para denunciar o abandono deste centro por parte do Imserso, organismo estatal do que depende.

Con esta mobilización quérese chamar a atención sobre a precaria situación do cadro de persoal do CAMF de Ferrol, xa que dunha banda existe un elevado número de postos vacantes e doutra, a administración leva anos empregando un sistema de contratación temporal declarado irregular pola Inspección de Traballo. Este sistema, advirten, xera unha gran precariedade nas persoas contratadas, non beneficia en absoluto á prestación dun servizo tan especifico como o prestado neste centro,  "e neste momento non se pode continuar a facer tras da reforma no sistema de contratación".

O comité leva anos incidindo ante o Imserso sobre a delicada situación na que se atopa a prestación dun servizo "que entendemos que debería ser prioritario".

Neste senso, explican que despois da última concentración realizada no CAMF, a representación social mantivo contacto cos grupos políticos do Concello de Ferrol, que aprobaron unha declaración institucional por unanimidade no pleno do mes de abril. Ademais, producíronse visitas de representantes do Concello, do Parlamento e do Senado pero non de persoas responsábeis directas do IMSERSO.

"O único que nos informan son arranxos que xa estaban programados pero non dunha futura reforma integral", tan necesario para o centro. E neste sentido, o comité subliña que se poderían aproveitar a posibilidade de solicitar os fondos europeos Next Generation para mellorar a eficiencia enerxética do centro.

Con respecto ao reforzo do cadro de persoal "infórmannos das OEP convocadas que, evidentemente, como representantes das persoas traballadoras xa somos coñecedores".

Por todo isto, o comité acordou convocar unha nova concentración coas persoas residentes, as persoas traballadoras, asociacións "e todas aquelas institucións e persoas que nos queiran apoiar, para reclamarlle ao Imserso que, dunha vez por todas, tome as medidas precisas para garantir un servizo de calidade dirixido a un dos sectores con máis necesidades da nosa sociedade".