O Comité Intercentros da CRTVG denuncia que avanza o desmantelamento do servizo público

A inxustificada desaparición do Diario Cultural e das desconexións teritoriais así o constatan
Nacional - 09 Mai 2018

O Comité Intercentros da CRTVG vén de emitir un comunicado no que adianta que as/os representantes do persoal enfrontarán co apoio da asemblea de traballadores e traballadoras medidas para revogar a desaparición da grella da Radio Galega do programa Diario Cultural e a supresión das desconexións para a información local. Anuncia a convocatoria de asemblea para o vindeiro luns día 14 de maio.

O comité Intercentros da Corporación RTVG, que onte foi informado pola dirección dalgúns dos cambios que haberá na programación da Radio Galega para a temporada que vén -que arrancará o 10 de setembro-, denuncia que a dirección está a desmantelar o servizo público de comunicación audiovisual, encomendado polo Parlamento de Galicia.

A desaparición do programa Diario Cultural despois de case 30 anos nas ondas e a anunciada supresión das desconexións territoriais locais, espazo tradicionalmente reservado para a información de proximidade, son en opinión dos sindicatos medidas inasumibles que, lonxe de obedecer a un reforzamento do medio, contribuirán decisivamente ao deterioramento do servizo público que este órgano de representación leva anos denunciando.

O Comité Intercentros considera que, coa inxustificada desaparición do Diario Cultural no seu formato actual, a Radio Galega silencia un facho de referencia cultural e pecha unha das poucas fiestras que quedaban na emisora de todos e todas para cumprir coa misión que a CRTVG ten de promover a difusión e a divulgación da nosa cultura na nosa lingua.

Desmantelamento das desconexións territoriais

Con respecto ás desconexións territoriais, que viñan cubrindo o deber que ten a CRTVG de ofrecer información local de proximidade nun país con gran dispersión poboacional -fórmula baseada no modelo de delegacións territoriais que a CRTVG vén tamén desmantelando desde o ano 2010 (cando pechou as delegacións de Burela, Ferrol e Pontevedra)-, o Intercentros considera que se trata dunha medida estritamente política que obedece ao interese do Partido Popular de controlar a información local de cara ás eleccións municipais do ano vindeiro.

Neste sentido, o comité denuncia que coa supresión desas desconexións aumentará aínda máis a manipulación informativa, cuxos contidos pasarán a ser controlados e seleccionados desde a central de San Marcos, fundamentalmente polo responsable dos informativos da radio, Alejandro López Carballeira, que foi precisamente quen lle trasladou á representación sindical esta decisión, xunto a Tania Fernández Lombao, máxima responsable de programas da emisora.

O Comité Intercentros celebrará asemblea de traballadores e traballadoras o vindeiro luns 14 de maio para acordar co persoal da CRTVG as mobilizacións que se desenvolverán para esixir a reversión destas medidas, contrarias á razón de ser da CRTVG e que están a causar gran indignación entre un plantel canso xa de poñer a cara e o corpo para seguir a cumprir coas súas obrigas laborais nun contexto de descrédito social cada día maior.