O comité Intercentros da CRTVG solidarízase cos traballadores/as dos medios públicos cataláns

A súa toma de control polo Goberno español é un “ataque directo, indigno e impúdico á liberdade de expresión”
Nacional - 23 Out 2017

O Comité Intercentros daCorporación de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG)  vén de manifestar a súa solidariedade coas compañeiras e compañeiros da Corporación Catalana de Mitjans Audiovisuals (CCMA), TV3 e Catalunya Ràdio, que veñen de expoñer o seu rexeitamento á toma de control por parte do Goberno do Estado dos medios de comunicación públicos cataláns coa aplicación do artigo 155 da Constitución española.

A representación dos traballadores e traballadoras da TVG e da Radio Galega comparte os criterios dos consellos profesionais dos medios públicos de Catalunya e do comité de empresa de TV3, que consideran que a aplicación do 155 supón un “ataque directo, indigno e impúdico á liberdade de expresión, de información e de prensa”. Os medios públicos cataláns son ademais unha garantía de respecto á diversidade cultural e lingüística, valores e dereitos fundamentais que con esta intervención estatal vanse ver seriamente ameazados.

A toma de control da CCMA e da Agència Catalana de Noticies aprobada pola Consello de Ministros supón unha intolerable intervención totalitaria que cuestiona a profesionalidade das traballadoras e traballadores de TV3 e Catalunya Rádio, e non garante, como se afirma para argumentar esta inxerencia antidemocrática, o dereito a unha información veraz e plural, como demostra a manipulación informativa sistemáticamente denunciada noutros medios de comunicación públicos controlados polos gobernos do Partido Popular.

San Marcos, 23 de outubro de 2017