O Concello da Fonsagrada bota man da reforma laboral do PP para desfacerse do persoal do GES

Tramita un ERE de extinción despois de que o Xulgado o obrigase a readmitir os despedidos/as
Vigo - 04 Ago 2016
O Concello da Fonsagrada, gobernado polo PSOE, continúa coa súa teima de desfacerse dos traballadores/as do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), segundo denuncian dende a CIG de Lugo-A Mariña. Despois de verse na obriga por sentenza xudicial de readmitir a varios/as deles/as tras ser considerados nulos os despidos, agora acollese á reforma laboral do Partido Popular para tramitar un ERE de extinción que afectará a todo o cadro de persoal.

Dende a Unión Comarcal da CIG de Lugo- A Mariña lembran que o persoal dos GES é sufragado ao 100% entre a Xunta e a Deputación Provincial, “polo que non lle acarrea ningún custo ao Concello”. Neste senso, critican que de todos os Concellos galegos o da Fonsagrada foi o único que non renovou o convenio, “dándose a paradoxa de que non vai ter o servizo e sen embargo terá que afrontar un custo duns 120.000 euros” como consecuencia da “xestión neglixente” do Goberno municipal.

“Se para defenderse dos despidos o alcalde dilapidou máis de 16.000 euros na contratación dun avogado estrela, desta vez para tramitar o ERE acude á asesoría xurídica da Deputación, estando así o Concello e Deputación á vangarda na aplicación da reforma laboral do PP”, indicen.

Con todo, consideran que o máis grave é a tramitación do ERE, “feita con absoluta alevosía e nocturnidade, ocultándolla aos traballadores/es afectados/es e xestionada con irregularidades, o que provocou que a propia Xunta se dirixise ao Concello advertindo de irregularidades tales como non especificar cal é a comisión negociadora do ERE, contradicións na relación do persoal municipal ou o comezo de reunións negociadoras antes de comunicar o inicio do expediente ante a autoridade laboral”.

Dende a CIG denuncian tamén a complicidade da representación legal dos traballadores/as do Concello da Fonsagrada, constituida por representantes da UGT e CCOO, “quenes supostamente estiveron a negociar un ERE sen comunicar nada afectados/as”.

Diante disto, instan novamente o Concello da Fonsagrada a que recapacite e volva á normalidade asinando o convenio do GES e dando traballo aos empregados/as despedidos/as, “e que dunha vez por todas deixe de andar a maniobrar con falcatruadas que resultan ser ilegais e cuxo custo teñen que asumir todos os veciños/as do concello”.