O Concello de Mugardos négase a acatar o laudo arbitral sobre o convenio colectivo

O comité avaliará co persoal a resposta a dar a este incumprimento

Mugardos -

O comité de empresa do Concello de Mugardos ten convocada unha asemblea o próximo martes 9 de outubro, para abordar cos traballadores e as traballadoras o anuncio do Goberno municipal de non acatar o laudo arbitral para o asinamento e publicación do convenio colectivo e decidir a resposta que se dará a estes feitos.

As organizacións sindicais explican que o 26 de setembro se ditou laudo arbitral por parte da persoa nomeada polo Consello Galego de Relacións Laborais, sobre o conflito que mantén o Concello de Mugardos co comité de empresa, en relación ao convenio colectivo e ao anexo que regula o GES deste municipio.

"O resultado do laudo avala as peticións das traballadoras e dos traballadores ao 100% e,
cos acordos alcanzados ao longo da mediación e o laudo, derrúbase a pretensión do
Concello de regular persoal de primeira e outro de segunda", aseveran.

Porén, para sorpresa da representación social, durante a mesa xeral de negociación convocada este xoves, o Goberno comunicou que non cumprirá o acordo acadado na mediación do pasado 11 de xuño, polo que se comprometía "a asinar e aprobar o convenio, unha vez emitido laudo arbitral".

Mala fe negociadora

Ante esta situación, o comité de empresa denuncia a mala fe negociadora por parte do Goberno local, ao que acusa de atrasar deliberadamente as reunións e a posta en marcha dos acordos conseguidos para eludir o seu cumprimento. Critican tamén a falta de palabra do Goberno por "asumir compromisos ao longo do proceso de negociación que logo non cumpre" e censuran a "intolerancia e prepotencia" coas que actúa nas mesas de negociación "non respectando o xogo democrático".

Así as cousas, o comité comunicaralle ao Consello Galego de Relacións Laborais a decisión do Concello de non cumprir o laudo arbitral e estudará presentar denuncia pola vía xudicial por estes feitos.

Volver