O Concello de Santiago modifica as zonas de escolarización obviando o precepto de escoitar o Consello Escolar Municipal

Exixe que se convoque o organismo, para dar cumprimento ao estabelecido legalmente e que se revogue o acordo da comisión de goberno
Compostela - 12 Feb 2016
A federación de Ensino da CIG vén de denunciar que o Goberno municipal de Santiago informou positivamente a modificación das zonas de escolarización de Compostela, sen levalo, como é preceptivo, ao Consello Escolar Municipal. Por iso exixe que se convoque o organismo, para dar cumprimento ao estabelecido legalmente e, en consecuencia, que se revogue o acordo da comisión de goberno.

A CIG-Ensino, con representación no Consello Escolar Municipal de Santiago, vén de informarse pola prensa de que o goberno municipal deu a súa conformidade á nova proposta de zonificación feita pola Consellaría de Educación, sen que fose oído o Consello Escolar Municipal, tal e como é preceptivo, e como se recolle na Orde do 12 de marzo de 2013, que regula a admisión do alumnado en centros docentes.

Esta orde, no seu artigo 2.2, estabelece que para que a xefatura territorial delimite as áreas de influencia dos centros e os límites destes é preceptivo oír o consello escolar municipal. “Estamos, por tanto, ante un acordo irregular da comisión do goberno do concello de Santiago por non cumprir o estabelecido na propia normativa”.

A CIG-Ensino maniféstase sorpendida, tamén, polo apoio do grupo de goberno a unha zonificación que favorece os centros de ensino concertados, pois “pasan a ter unhas zonas de influencia moito maiores que lles permiten seleccionar, na práctica, o alumnado que matriculan”.

Para a CIG-Ensino, a modificación do mapa escolar de Santiago debería implicar necesariamente a oferta dun numero maior de prazas publicas e a conseguinte ampliación de edificacións  e/ou construción de novos centros para non masificar os actuais, garantindo ademais unha oferta de calidade suficiente no ensino público.