O Concello de Verín e os sindicatos pactan un acordo laboral tras 10 anos de bloqueo da negociación colectiva

A CIG entende que a decisión servirá para normalizar as relacións laborais na institución

Vigo -

A Mesa Xeral de Negociación do Concello de Verín aprobou este venres, tras 10 anos de desavinzas, sentenzas xudiciais e bloqueo da negociación colectiva, dous acordos que, segundo a CIG, favorecerán a normalización das relacións laborais na institución local.

O Goberno municipal verinés, as centrais sindicais CIG, CCOO e CSIF e os representantes legais dos funcionarios/as municipais alcanzaron o acordo de tornar o carácter variábel da contía que cobran os membros da Policía local por traballo nocturno, conferíndolle unha natureza consolidábel, enmarcada no denominado complemento específico. “A importancia desta operación radica non só na consolidación de tal retribución na estrutura salarial dos axentes, senón tamén no afianzamento do funcionamento do servizo nocturno da Policía local”, explican dende a CIG.

Ao mesmo tempo, subscribiuse uns segundo pacto para regular a actualización da Relación de Postos de Traballo e a renovación do convenio colectivo do persoal laboral e do acordo regulador o persoal funcionario, ademais actualizárense as bases de contratación do Concello.

No marco deste acordo pactouse homologar o persoal laboral co persoal funcionario, algo que era unha reivindicación histórica das centrais sindicais; distribuír equitativamente os puntos por factor entre as distintas categorías profesionais do persoal funcionario para achegar, retributivamente, unhas categorías a outras.

Tamén se decidiu crear unha Comisión de Control da Contratación do persoal no Concello integrada por funcionarios, Grupo de goberno e centrais sindicais, e dirixida a facer transparente a contratación, garantindo o principio de igualdade no acceso ao emprego público.

Outro dos acordos contempla a utilización, como dotación económica para implementar os anteriores acordos, o fondo de continxencia de 120.000 euros disposto polo Goberno local nos Orzamentos municipais para 2016.

Finalmente, pactouse a apertura dun período -até fin de 2016- para actualizar e adaptar as normas caducadas (RPT, Convenio, Acordo Regulador e Bases de Contratación) ás bases mínimas aprobadas polas partes na Mesa Xeral.

Dende a CIG indican que tras 10 anos de bloqueo da negociación colectiva "as centrais sindicais e o rexedor local vimos de poñer a primeira pedra para restaurar a máis que necesaria normalidade laboral no ente local; motivo polo que dende a central avaliamos moi positivamente o acordado”.

Volver