No sexto día de folga indefinida, o conflito de Leche Celta chega ás portas de Mercadona

A empresa convocou o comité a unha reunión para este mércores
Meira - 17 Abr 2018

O persoal de Leche Celta, en folga indefinida dende o pasado xoves, levou este martes a súa loita por un convenio digno até o supermercado que Mercadona ten na Avenida da Coruña en Lugo, xa que esta empresa é a única cliente da factoría de Meira. Durante a concentración, os traballadores e traballadoras repartiron información sobre o conflito entre a clientela, denunciando que Leche Celta contribúe "a non eliminar as diferenzas salariais entre o seu persoal e con isto, ao mantemento da precariedade laboral na nosa terra".

A actividade na factoría, explica o secretario comarcal da FGAMT-CIG de Lugo-A Mariña, Christian López, continúa totalmente paralizada "non entrando recollida de leite nin saíndo da planta produto envasado", pois o seguimento da folga é total.

Reunión co delegado territorial da Xunta

Pola tarde, o comité de empresa mantivo unha entrevista co Delegado Territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, a quen "debullaron a foto actual" deste conflito, así como diversos feitos "que albiscan fortes especulacións por parte da empresa", nun sector estratéxico para o noso país. A representación social transmitiulle a Balseiro a inquedanza ante do feito de que a falta de interese por parte da empresa para acadar un acordo, poida supor a extensión do mesmo ao sector gandeiro. De feito, sinala López Carmona, a esta reunión asistiron tamén responsábeis das consellerías de Medio Rural e Industria.

Convocatoria de reunión

Dende comezos do mes de marzo, os traballadores e as traballadoras da planta de Leche Celta en Meira manteñen un intenso calendario de mobilizacións para esixir melloras salariais e laborais que equiparen as súas condicións coas que xa teñen os compañeiros e compañeiras da factoría de Pontedeume. A de hoxe suma a sexta xornada de paro completo dende a convocatoria de folga indefinida.

Ben avanzada a tarde, a empresa, que leva días desaparecida, convocaba unha  reunión co comité para mañá, mércores, ás 15.30 horas, na factoría de Meira.