O conselleiro de Educación ordena o desaloxo dos representantes sindicais negándose a fixar unha reunión

A representación maioritaria do profesorado pechárase horas antes para exixir unha xuntanza con Román Rodríguez
Nacional - 13 Dec 2023

Apenas 3 horas e media despois de que unha ducia de representantes dos sindicatos CIG-Ensino, STEG e CSIF se presentaran na Consellaría de Educación coa finalidade de seren recibidos por Román Rodríguez, a policía, por orde dos responsábeis deste departamento, procedeu ao seu desaloxo.

Unha vez máis o o titular de Educación amosa falta de diálogo coa representación sindical do profesorado galego. O seu equipo escudouse en que hoxe tiña actos fóra de San Caetano pero negouse a establecer unha data para recibir a representación maioritaria do persoal docente do ensino público galego.

Desde a CIG-Ensino, como sindicato maioritario neste sector, continuarase con accións reivindicativas até conseguir que o conselleiro atenda as demandas que expresou o profesorado galego con contundencia nos últimos meses, participando en dúas convocatorias de folga no mesmo trimestre, asistindo masivamente a tres manifestacións e realizando accións de protesta desde máis de 330 centros educativos.

"Non imos consentir que se siga desprezando así o colectivo docente, debémonos a quen nos votou hai un ano cun programa electoral que mantemos firmemente na súa esencia, que é a de recuperar os dereitos que nos recortaron en materia de horario e retribucións e de avanzar en cuestións trascendentais como a baixada de ratios e a eliminación da burocracia.

Desprezo ao colectivo docente

"Non imos consentir que se siga desprezando así o colectivo docente, debémonos a quen nos votou hai un ano cun programa electoral que mantemos firmemente na súa esencia, que é o de recuperar os dereitos que nos recortaron en materia de horario e retribucións e de avanzar en cuestións transcendentais como a baixada de ratios e a eliminación da burocracia”, explicaba o secretario nacional, Suso Bermello, á saída da consellaría.

Porén, amosou a vontade negociadora das organizacións sindicais a dilatar en dous anos a recuperación das 18 e 21 horas lectivas que vimos recortadas hai 12 e 14 anos respectivamente e a que a aplicación da redución das ratios en todas as etapas educativas teña como duración o máximo tempo de cada unha delas.

Nese sentido explicou que “estamos cedendo nas nosas pretensións iniciais e o que nos atopamos é a unha Consellaría pechada no seu búnker e ao seu titular que non ten en conta a representación do 60% do profesorado”.

Por iso explicou, no momento en que a policía procedeu á identificación e ao desaloxo das 11 representantes sindicais, por orde dos cargos políticos de Educación, que a súa presenza alí era para “recordarlle que o profesorado non se vende nin se rende e que continuaremos con estas e outras accións até conseguir avances".

As tres organizacións levan desde o 2 de novembro apelando ao titular de Educación a que reciba aos sindicatos maioritarios e rectifique o acordo asinado cunha minoría. A última vez que se dirixiron a el foi mediante un escrito que lle foi remitido o pasado 4 de decembro e ao, que coma hoxe, lle seguiu o silencio por resposta.