O Consello Confederal acorda un calendario de mobilizacións en defensa do emprego, da industria e pola derrogación das reformas

A CIG avanza como primeira forza en representación, en afiliación e en mobilización
Nacional - 22 Nov 2019

O Consello Confederal da CIG reuniuse esta mañá para analizar a situación político sindical e acordar as liñas de traballo dos vindeiros meses tanto en materia de acción sindical, como de negociación colectiva ou no plano organizativo. Entre os principais acordos, o máximo órgano de decisión entre congresos apostou por manter a mobilización en demanda da derrogación das reformas, pola recuperación de dereitos sociais e laborais e fronte a grave situación de desmantelamento industrial que enfronta o noso país.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que hai un ano, por estas mesmas datas, esa crise afectaba fundamentalmente á industria electrointensiva. Unha situación que se mantén ampliada e multiplicada agora por mor do proceso de descarbonización que se traduciu no peche das térmicas das Pontes e de Meirama ou no peche de empresas do sector industrial de Ferrol, agravado polo parón do sector naval. Unha crise industrial que se estendeu á comarca de Vigo, coa crise do naval en Barreras e Vulcano. “Vemos ademais que é unha situación na que todos os indicadores avanzan unha caída da renda, unha maior precarización, un empobrecemento xeneralizado da clase traballadora, cun aumento das desigualdades, e a cada vez maior caída de poboación activa, o incremento da emigración e o avellentamento da poboación”, advertiu.

Alertou da continuidade das reformas laborais, “máis nun contexto de recesión económica que en Galiza será máis profunda tendo en conta que aínda non saímos da anterior”. A modo de exemplo lembrou que en materia de salarios estamos nun 13, 7% por debaixo dos que había ao inicio da crise.

Diante deste panorama considerou que o resultado das eleccións xerais mantivo o contexto de inestabilidade e de incerteza respecto da conformación do goberno do estado aínda que valorou que co nacionalismo de volta nas Cortes e co maior peso do soberanismo “ábrense expectativas para utilizar esa maior forza para pór na axenda aquelas cuestións que son de relevancia para o sindicalismo nacionalista”. Cuestións que, sinalou, xa comezaron a traducirse en iniciativas que serán presentadas no Congreso.

Fronte a isto, puxo sobre e a mesa o perigoso incremento do fascismo e a maior españolización, que tamén se producíu, so pretexto da cuestión catalá. Un cotexto no que, ademais, se deu unha relativa remontada do PP, “cando parecía que habería unha caída continuada”.

A este respecto denunciou novamente a actitude do goberno galego, que “xoga no ámbito de facer de Galiza unha rexión, aínda que semella enfrontarse ao goberno central co único ánimo de desgastalo, pero cunha inacción total no país, provocando unha grave crise industrial da que se desentendeu alegando que non ten nada que facer”.

Tímidos cambios cun novo goberno

Carril augurou, de conformarse o novo goberno, só tímidos cambios, tendo en conta as mensaxes que se veñen lanzando tanto desde a UE como da CEOE que, advertiu, “seguen a demandar unha redución do gasto público”, o que fai prever, ao seu entender, “que se manteña o discurso da inviabilidade das pensións públicas, alegando que hai incapacidade para pagar”. Do mesmo xeito considerou que tampouco se porán sobre a mesa demandas sindicais como a recuperación de dereitos ou a cuestión territorial.

Eleccións sindicais

O secretario xeral da CIG deu conta tamén dos últimos datos relativos ao período concentrado de eleccións sindicais, segundo os que se afianza a posición da CIG como primeira central sindical, cun 29,40% da representación, a 3,09 puntos de UGT e a 3,86 puntos de CCOO.

Salientou ademais o incremento da afiliación durante este ano, que foi dun promedio do 2,74% ao longo de 2019. Por iso, atendendo á condición da CIG como primeira organización sindical en representación, en afiliación e en capacidade de mobilización asegurou que isto obriga a “asumir a responsabilidade de utilizar toda esa forza acumulada para combater a grave situación de emerxencia social, laboral e de dereitos que padece a clase traballadora galega. Temos que ser quen de dar alternativas e mobilizar, na liña do modelo sindical que representamos de combate e contrapoder”, dixo.

Carril chamou tamén a manter o grao de hexemonía e a tensionar a base do sindicato en dous aspectos: na acción sindical e no aspecto organizativo.

A respecto da acción sindical, salientou a necesidade de elaborar un calendario para dar resposta á necesidade de recuperar dereitos e defender a nosa industria, máis tendo en conta que malia o tempo transcorrido desde a aprobación das reformas laborais, se mantén viva a reivindicación da súa derrogación pola súa agresividade. Un calendario e unha táboa reivindicativa con varias patas: defensa da nosa industria, do emprego e do noso carácter nacional, con alternativas no plano social, laboral e económico.

Calendario de mobilizacións

Ese calendario mobilizador arrincará o vindeiro día 3 de decembro coa asemblea nacional de delegadas e delegados e a posterior manifestación, convocada baixo o lema “Recuperar os dereitos para avanzar. Na defensa do emprego e da industria en Galiza”, que será a antesala de novas mobilizacións centradas nestas demandas a finais do mes de xaneiro.

En febreiro está previsto que a central sindical avalíe o desenvolvemento destas mobilizacións para preparar despois as convocatorias do 8 e  10 de Marzo.

En todo caso continúan as mobilizacións que xa estaban previstas, como a convocada polo Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG, para o 28 deste mesmo mes nas distintas comarcas, en demanda da dignificación das pensións, “nun contexto que se albisca adverso”. Unha situación que leva a Carril a pensar que a única modificación que se fará nesta materia será a de volver a vincular as pensións ao IPC, pero sen mudar as cuestións máis lesivas da reforma.

Xunto a isto o secretario xeral sinalou que está prevista unha mobilización comarcal en Ferrol tamén para o día 28 de novembro e para o dia 10 de decembro haberá outra de traballadoras e traballadores da industria electrointensiva, en demanda de que se regule un marco estable e predicible.

Participarase ademais nas mobilizacións que se convoquen nas Pontes, contra o peche de Endesa e seguirá defendéndose na rúa o sector de automoción, no camiño de unificar o máximo posible a resposta á crise industrial.

Está prevista tamén, para o día 12 de decembro unha folga no ensino e previsiblemente se convocará unha manifestación en defensa da sanidade pública para febreiro.

Negociación colectiva

A este respecto o secretario xeral da CIG sinalou que, no camiño de recuperar dereitos, haberá que dar tamén unha resposta mobilizadora para conseguir que se teña isto en conta na negociación -o ano que vén- dos convenios colectivos do sector do Metal das provincias da Coruña e Pontevedra, aos que se intentará dar unha resposta conxunta.

Outro dos convenios nos que haberá que loitar por dignificar as condicións laborais é no de Hostalería, un dos máis precarizados, mais tamén se traballará no sector dos coidados, nomeadamente nos servizos de atención a domicilio (SAF), onde se loitará por garantir unhas condicións laborais dignas.

Outra das liñas de traballo aberta é a de establecer unha acción conxunta coas centrais sindicais soberanistas de Euskal Herria e Catalunya, nomeadamente con ELA, LAB e CSC, co obxectivo de levar unha táboa reivindicativa acordada entre todas ao Congreso das e dos Deputados.

Plano organizativo

No plano organizativo, Paulo Carril apuntou que continuarán, ao longo de 2020, procesos de eleccións sindicais que aínda non se celebraron e parello a isto, anunciou a posta en marcha dunha campaña de afiliación.

Ademais subliñou a necesidade de revisar e mellorar os métodos de traballo ante a dura situación social que padecemos, traballando especialmente na formación de delegados e delegadas, mais tamén da afiliación, tanto no que ten a ver coa formación sindical como coa formación político ideolóxica.

Para iso anunciou a planificación dun calendario de formación para que se avance na toma de conciencia e na identificación da afiliación co modelo sindical que representa a CIG.

Negociación colectiva

O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío, foi o encargado de presentar as propostas que defenderá a CIG na negociación colectiva para o ano 2020.  Propostas que teñen como obxectivo a recuperación salarial e loitar contra a precariedade e a pobreza salarial que segue medrando á vista dos datos publicados onte por Facenda, segundo os que 313.000 persoas asalariadas en Galiza, un 30% do total, teñen ingresos inferiores ao SMI, das que máis da metade son mulleres.

González Sío foi aínda máis alá e subliñou que atendendo a estes datos,  hai 172.000 que perciben unha media de 2.174€/ano e 140.000 traballadores e traballadoras que perciben unha media de 7.800€ ao ano.

O secretario confederal de Negociación Colectiva sinalou que, aínda así, somos a comunidade na que maior incremento salarial houbo e que isto foi grazas á intervención da CIG na negociación colectiva xa que nos convenios autonómicos conseguíronse incrementos do 3%.

Porén, denunciou que a xornada media en Galiza é dunha media de 1.777 horas, a máis alta do Estado, mentres que en Euskadi é de 1.580 horas o que significa que “para realizar o mesmo traballo en Euskadi empregan un 15% máis de traballadores e traballadoras que aquí”.

Considerou que este último dato é importante telo en conta xa que defendendo unha rebaixa substancial da xornada pactada anual conseguiríase diminuír os elevados índices de desemprego de Galiza.

Propostas na materia

Entre as propostas que a CIG levará á negociación colectiva en 2020, González Sío sinalou establecer cláusulas para a desconexión dixital para as traballadoras e traballadores e para o control do emprego de xeolocalizadores e videovixilancia. Defendeu a introdución de cláusulas de control en convenios sectoriais de condicións salariais e laborais nas plataformas dixitais e propuxo ademais acordar un posicionamento sindical ante a nova realidade que supón o teletraballo.

Respecto dos Centros Especiais de Emprego reclamou a aplicación do convenio de sector a todas  e todos os traballadores independentemente da súa realidade. Ademais, propuxo establecer cláusulas das taxas de reserva do 2% para traballadoras/es con discapacidade, para a súa integración e garantías laborais nas empresas habituais.

Xunto a isto defendeu establecer cláusulas para o rexistro de xornada; cláusulas sobre licenzas e a aplicación das sentenzas, atendendo ao criterio de que o permiso non se extingue coa alta hospitalaria e que debe ser desde o primeiro día laboral.

Tamén defendeu a necesidade de introducir cláusulas de control das empresas multiservizos e, respecto do SMI, afirmou que non se pode negociar a absorción de ningún complemento e deben introducirse cláusulas para que as categorías mínimas estean un 10% por riba dese SMI.

Centros Especiais de Emprego (CEE)

O secretario confederal de Negociación Colectiva fixo especial mención dos CEE dadas as condicións laborais que nestes se establecen. Por iso afirmou que a CIG demandará que se aplique o convenio do sector tanto para os CEE con ánimo de lucro como sen ánimo de lucro. “Pediremos a descatalogación dos mesmos á Xunta de Galiza. É unha cuestión transversal que afecta a todas as federacións de toda a central sindical porque canto máis se afonda na reforma laboral, máis formas de precarización van existir”, explicou.

Respecto do rexistro de xornada sinalou que segundo a enquisa de condicións de vida das familias de 986.000 activos/as, 668.000 recoñecen facer máis das 40 horas semanais. Lembrou que foi a CIG quen tivo a iniciativa de defender a súa aplicación e que agora debe ser tamén a CIG quen debe garantir que se cumpra. Por iso propuxo que se denuncie ás empresas que non o fagan, sobre todo ás máis grandes e significadas de cada federación e facer seguimento dos expedientes nas sancionadas, tal e como se recollerá no documento de negociación colectiva para 2020.

Neste punto denunciou que se deixou en mans da negociación colectiva, cando debería estar lexislado, o control do rexistro de xornada nas subcontratas.

Salario mínimo

Malia o incremento aplicado ao SMI, denunciou que nas empresas con niveis salariais moi baixos, coa suba absorbéronse os complementos. Por iso opúxose a esta práctica e sinalou que, en todo caso, a UE xa insinuou que se obrigará aos estados membros que se cumpra a Carta Social Europea pola que o salario mínimo tería que establecerse por riba dos 1.100€. En todo caso defendeu que todas as categorías estean por riba do SMI.

Tamén no camiño da loita contra a precariedade, Francisco González Sío avogou por seguir defendendo a dignificación das condicións laborais dos traballadores e traballadoras transfronteirizos e por evitar que se apliquen en Galiza as condicións laborais do país de orixe.