• 2016-11-07 Consello Confederal 001.jpg
  • 2016-11-07 Consello Confederal 002.jpg

O Consello Confederal da CIG convoca o VII Congreso para os días 27 e 28 de maio

Acordou tamén, entre outras cuestións, conxelar as cotas sindicais para o ano 2017 e reforzar o papel da caixa de resistencia

Compostela -

O Consello Confederal da CIG aprobou esta mañá por unanimidade a convocatoria do VII Congreso para os días 27 e 28 de maio. Xunto a isto aprobou o Regulamento precongresual, onde se estabelecen os prazos do proceso ou número de congresistas, entre outras cuestións, e as comisións de traballo das que sairán os relatorios de Acción Sindical, Organización e Estatutos que serán obxecto de debate no Congreso e que definirán as liñas de actuación da central sindical para os vindeiros anos.

O VII Congreso, que terá lugar no Pazo de Congresos,  en Compostela, permitirá avaliar o traballo desenvolvido nos últimos catro anos. Un período no que a CIG conseguiu consolidar a súa posición como primeira forza sindical en afiliación en Galiza, con arredor de 65.000 afiliados/as, e a menos de un punto de ser a primeira en número de delegados/as.

Partindo destas premisas a CIG encara este Congreso co obxectivo de seguir reforzando a súa estrutura e organización e definir as liñas de traballo que permitan a súa consolidación como primeira forza sindical en Galiza para mellor loitar polos dereitos e as condicións laborais e de vida da clase traballadora galega.

Regulamento precongresual

O Consello Confederal elixiu a comisión de Organización do VII Congreso, que recae na propia executiva confederal, e aprobou o Regulamento, que contempla a participación de 540 congresistas de elección directa máis os membros de pleno dereito, Consello Confederal e Comisión de Garantías, ademais establece o calendario precongresual, que queda como segue:

07/11/2016.- Convocatoria do Congreso 

31/12/2016.- Data tope fixación nominal membros natos Congreso  

16/01/2017.- Data publicación censos da afiliación 

16/01/2017 - 06/02/2017.- Prazo de exposición e reclamacións aos censos 

07/02/2017 - 14/02/2017.- Prazo resolución reclamacións aos censos   

15/02/2017.- Data publicación censos definitivos corrixidos

03/03/2017.- Data tope aprobación relatorios polo Consello Confederal

20/03/2017 - 06/04/2017.- Asembleas federativas comarcais debate relatorios

05/04/2017 -28/04/2017.- Asembleas federativas comarcais elección congresistas

19/04/2017.- Data tope envío emendas á Comisión Nacional de Organización

03/05/2017.- Data tope envío congresistas á Comisión Nac. de Organización

27-28/05/2017.- Data celebración VII Congreso CIG

Caixa de resistencia

Alén das cuestións relativas ao VII Congreso, o Consello Confederal aprobou introducir unha serie de modificacións ao regulamento polo que se rexe o funcionamento da Caixa de Resistencia.

Entre outras acordouse que as/os afiliadas/os da CIG en folga poidan comezar a  cobrar as axudas o terceiro día e que para aquelas folgas cunha duración superior a 10 días se poida cobrar desde o primeiro día. Xunto a isto fixouse unha cantidade fixa diaria.

Estes cambios introducidos teñen a finalidade de dar cobertura aos traballadores e traballadoras durante os períodos de folga para que perdan o menos posíbel dos seus salarios e para posibilitar que resistan o tempo necesario fronte aos ataques da patronal. Cambios que foron posíbeis grazas ao incremento de recursos da caixa de resistencia nos últimos anos.

Cota sindical

O Consello Confederal tamén acordou que para o 2017 a cota sindical se manteña conxelada.

Volver