A CIG confirma que o Consello de Seguridade Nuclear xa tramita a denuncia presentada polo retraso no traslado dos resultados das medicións de radón efectuadas en distintos edificios xudiciais galegos das catro provincias galegas. O sindicato advirte da preocupación existente entre o persoal pola falta de información e reclama que se adopten medidas inmediatas no caso de detectarse niveis perigosos deste gas radioactivo.
A central sindical presentou o pasado 25 de marzo unha denuncia diante da Inspección de Traballo e Seguridade Social pola demora na entrega das medicións efectuadas en setembro de 2024 en distintos edificios xudiciais, entre eles os de Marín, Ribadavia e Noia, así como no Tribunal Superior de Xustiza e nas catro Audiencias Provinciais.
Segundo recolle a denuncia, os detectores foron colocados en setembro de 2024 e foron retirados en marzo de 2025, dentro dun plan impulsado pola Dirección Xeral de Xustiza para avaliar a presenza deste gas en edificios xudiciais galegos. Porén, a finais de marzo de 2026 seguían sen trasladarse os resultados ao Comité de Seguridade e Saúde laboral, mantendo unha situación de “incerteza e posible risco” para a saúde laboral do persoal afectado.
Actuacións urxentes
Ante esta situación, a CIG reclamou á Inspección de Traballo actuacións urxentes e o cumprimento das obrigas legais en materia de prevención de riscos laborais e protección da saúde do persoal da Administración de Xustiza.
Na xornada de hoxe, o propio Consello de Seguridade Nuclear vén de confirmar a recepción da documentación remitida pola Inspección de Traballo, quedando agora o sindicato á espera das actuacións e informacións que poidan derivarse da intervención do organismo competente, dada a relevancia destes resultados e a súa posible afectación á saúde das traballadoras e traballadores da Administración de Xustiza.