O Consorcio obriga a persoal non sanitario a subministrar medicación no centro de maiores de Taboadela

A CIG-Administración Autonómica de Ourense baralla denunciar na Fiscalía

Ourense -

O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense denuncia que o Centro de Atención a Persoas Maiores (CAPM) de Taboadela, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, non dispón do persoal sanitario suficiente para atender os usuarios/as aos que dá servizo, polo que obriga as xericultoras/es -sen a formación específica- a subministrar medicación. A central, que xa revelara que as instalacións tiveran que pechar en xullo por falta de traballadores/as, non descarta denunciar estes feitos diante da Fiscalía.

Dende a CIG-Administración Autonómica sinalan que o centro non dispón do persoal sanitario suficiente para cuestións tan básicas como a preparación da medicación dos usuarios/as, motivo polo que xa tivera que pechar as portas no mes de xullo, segundo denunciara a central. “Mais a dirección, lonxe de esixir que se cubran as prazas de enfermaría necesarias, non tivo mellor ocorrencia que obrigar o persoal xericultor, que non dispón da formación necesaria, a realizar as tarefas de preparación e administración de medicación ás persoas usuarias do centro”, censuran. 

A central lembra que o centro xa tivera que pechar as súas portas en xullo por falta de traballadores/as 

Segundo lembran dende a CIG, o exercicio das profesións da rama sanitaria están moi reguladas no Estado español, establecendo para a escala de enfermaría “a preparación e administración dos medicamentos segundo as prescricións facultativas”. Isto é así -engaden- porque se esixe unha formación que se dá durante todo un grao para que non haxa problemas coas doses, as intolerancias e calquera outro tipo de problemas que se poderían dar durante a administración dos medicamentos.

Pero a dirección “obvia a lexislación e quere obrigar ao persoal a cometer unha ilegalidade; e faino a sabendas xa que esta central xa puxo en coñecemento do centro a ilegalidade que supón esta obriga”. Logo de que a CIG comunicara esta presunta irregularidade, dende o departamento de Xerontoloxía do Consorcio déuselle orde expresa á dirección do CAPM de Taboadela para que se fixera chegar a todas as xericultoras/e esa información, “facendo énfase en que dende o centro se informara de calquera incumprimento”.

Diante disto, dende a CIG amosan a súa preocupación e denuncian publicamente que o Consorcio non está a cumprir coa obriga de vixilancia da saúde dos seus usuarios/as, “e faino como consecuencia dos recortes deseñados polo PP dende a Xunta días despois de que unha persoa falecera nun centro de saúde sen atención médica”.

Denuncia na Fiscalía

Na central sindical consideran moi grave o que está a acontecer no ámbito dos servizos sociais e sanitarios, nos que a Administración non está a poñer os recursos mínimos necesarios para a atención dos usuarios/as, “co agravante de que para tratar de tapar a súa temeridade están a obrigar a persoal que non ten as competencias nin a formación necesaria a facer un traballo que non sabe e que non pode realizar legalmente coa fin de trasladarlles unha posíbel responsabilidade ante feitos como os que aconteceron na Estrada”.

É por iso que CIG vén de poñer estes feitos en coñecemento da Inspección Médica de Ourense co obxectivo de que se volva á legalidade, se proceda a facer cumprir a lexislación e para que o centro contrate o persoal de enfermaría necesario para cubrir as necesidades dos usuarios/as e para que poidan recibir a súa medicación coas condicións sanitarias de seguridade esixidas.

Tamén solicitan que se depuren as responsabilidades na dirección “ante unha actuación tan abertamente ilegal” e non descartan acudir á Fiscalía “a denunciar os presuntos ilícitos penais que se deriven destas actuacións”.

Volver