O Correlingua recibe o Premio Rosalía de Castro a actividades de normalización da Deputación da Coruña

Recoñece o traballo realizado polas entidades que o promoven: A Mesa pola Normalización Lingüística, CIG-Ensino e AS-PG

Nacional -

O Correlingua recibiu este xoves, na sede da Deputación da Coruña, o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua concedido ex aequo coas escolas Semente na modalidade específica. Este premio, como indicou o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao,  no acto de entrega, “tamén recoñece a implicación de todo o profesorado e alumnado dos centos educativos participantes, sen cuxa concorrencia esta actividade non sería posíbel”.

Louzao lembrou que o Correlingua “contou, ao longo dos seus dezaseis anos, co apoio de empresas privadas, deputacións e numerosos concellos, entre eles os concellos de Lugo, Pontevedra e Vigo, que colaboraron ininterrumpidamente co Correlingua en todos estes anos”. Ao tempo valorou negativamente a nula implicación da Xunta e a Secretaría Xeral de Política Lingüística coa “principal actividade de promoción do galego nos centros de ensino” e denunciou a acción contrario á lingua do goberno galego “que non corrixe a máis que cativa lexislación agora minguada coa aplicación da LOMCE, que reduce a súa presenza nas aulas”.

En representación das entidades organizadoras do Correlingua, Louzao quixo partillar este premio con todos e todas ás que o fan posíbel: participantes nas actividades, librarías, tendas e institucións colaboradoras e, moi especialmente, co profesorado e alumnado, “porque este premio é de todas e todos os que neses días saímos á rúa para compartir o desexo de vivirmos en galego”. Destacou tamén a participación de persoas recoñecidas do mundo da cultura nas festas finais: como lectoras do manifesto ou como intervinientes nos actos.

O xurado do VII Premio Rosalía de Castro de Lingua na modalidade xeral e na específica de traballo de recuperación do galego nas idades máis temperás recoñeceu o traballo de  Xabier P. Docampo e Correlingua e Semente.

O Correlingua naceu no curso 2000-2001 e leva xa 16 anos a percorrer o noso país. Trátase dunha actividade escolar de duración anual que remata cunha festa nas rúas e prazas de diferentes localidades, festas que desde o día 2 ao 16 de maio percorren un promedio de 12 lugares cada ano.

O Correlingua é unha iniciativa que quere avanzar na normalización plena do noso idioma, e para iso ofrece un conxunto de actividades de realización colectiva que teñen o alumnado por protagonista, pois é o alumnado quen elabora a banda deseñada que ilustra a web do Correlingua, os vídeos que compartimos na rede e o manifesto que se le en cada festa final; é o alumnado quen elixe os grupos que actúan na festa final, ou actúa el mesmo, e quen decide os lemas dos estandartes que levan durante a marcha coa que percorren as nosas vilas e cidades.

Levar adiante o Correlingua é un traballo que ocupa todo o ano, mais que ten a súa recompensa na participación de centos de centros, e miles de alumnos e alumnas, por volta de 40.000, xa sexa como participantes directos nas festas finais, xa sexa como participantes nos certames que anualmente se convocan.

Agora o recoñecemento vén tamén por medio deste premio que dá azos para continuar e para mellorar unha actividade que se marca o obxectivo de pór en valor o noso idioma na franxa de idade que máis sofre a españolización e que conta con menos espazos para o uso normal da nosa lingua.

Un recoñecemento que ten aínda máis valor xa que as entidades organizadoras non contan con apoio dos organismos que na Xunta de Galicia teñen responsabilidades lingüísticas e educativas e deberían recoñecer e apoiar este tipo de actividades.

Volver