O estudantado galego secunda masivamente a folga contra a LOMCE e o decreto 3+2

Durante o paro, que afectou ao ensino medio e superior, realizáronse manifestacións e concentracións por todo o país
A Coruña - 13 Abr 2016
A xornada de folga convocada para este mércores no ensino medio e superior tivo un seguimento masivo, con aulas baleiras, centros de ensino pechados e miles de estudantes manifestándose nas rúas de toda Galiza na defensa do ensino público, na demanda da supresión da LOMCE e pola non implantación do denominado “decreto 3+2”.

Galería de imaxes das mobilizacións realizadas con motivo da folga

Para a CIG-Ensino a resposta dada polo alumnado galego á convocatoria da folga supón un “clamor rotundo e unánime” na esixencia da paralización e derrogación da LOMCE e da proposta de cambio normativo nos plans de estudos universitarios, así como un claro rexeitamento aos recortes no ensino público.

O Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, subliña que o éxito da folga é unha chamada de atención á Consellaría de Educación e a constatación do rexeitamento ás políticas educativas aplicadas polo PP. “O goberno de Feijoo ten que cesar no seu intento de continuar realizando a proba xeral de 3º de Primaria e a proba de avaliación final de 6º de Primaria, como prólogo das futuras reválidas”, aseverou.

O interese por convocar as mencionadas probas neste curso“evidencia de que sufrimos unha Consellaría que actúa exclusivamente en función dos seus intereses ideolóxicos e partidarios e con total submisión ao Goberno de Madrid, no canto de proceder en función das necesidades do sistema educativo galego”, denuncia.

Ataque frontal ao dereito á educación

Louzao subliñou que nesta xornada de folga ficou demostrado tamén que tanto o estudantado como para a comunidade educativa no seu conxunto, nomeadamente a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, consideran que a LOMCE é un ataque frontal ao ensino público, supón avanzar na privatización, destinar e desviar máis cartos públicos ao ensino privado e concertado, e unha maior centralización e españolización do sistema educativo.

“Consecuentemente, prosegue Louzao, ponse en cuestión o dereito á educación e aséstase un novo golpe ás clases populares. A igualdade de oportunidades é inexistente. Estabelécese un marco xurídico-normativo que avanza cara unha educación máis elitista, confesional, españolizadora, privatizadora que imposibilita a educación como un dereito fundamental”,

Neste senso, a CIG-Ensino considera que “é totalmente inaceptábel que a Consellaría de Educación continúe obcecada coa aplicación da LOMCE, malia a constatación de que está a supor unha involución educativa e un deterioro do ensino público”.